O CABE
A personalidade como cidade que ten Monforte de Lemos ven marcada por múltiples factores, o seu pasado, a súa riqueza patrimonial, a súa vinculación co ferrocaril, o seu papel de cabeceira de comarca,…e o río que a cruza, o Cabe.
En Ribeira Sacra hai tres ríos fundamentais, Miño, Sil e Cabe. Os socalcos protagonizan paisaxes fantásticas nestas tres ribeiras, ademais de ofrecer outras imaxes propias das ribeiras fluviais. O Cabe atravesa Monforte e crea un espazo de contacto coa natureza que gozan veciños e visitantes. A contorna do río está acondicionada para pasealo por ambas marxes no casco urbano.
O clube fluvial é un dos lugares de referencia dos monfortinos para pasar os días de calor, gozando de instalacións preparadas para o lecer e as actividades na auga.
Cando o Cabe deixa o seu paso pola cidade ábrese nun paseo cara á parroquia de Piñeira. Creouse un carreiro que discorre á beira do río e que é aproveitado por monfortinos e visitantes para a práctica do deporte ao aire libre e para dar longos paseos. Ao longo do ano o Cabe ofrécenos estampas perfectas, con pequenas brumas que saen das súas augas, as cores do outono acompañando o seu discorrer, as xeadas que cando son contundentes acadan que o río se conxele e o verán,... no verán o Cabe é punto de encontro e vive un ambiente especial polas terrazas que hai nas súas marxes e pola cantidade de barcas que o cruzan.
O servizo de barcas de aluguer funciona durante o verán e é sempre un reclamo para familias e grupos de amigos.
Alquiler de barcas: Do 15 de Xuño ao 15 de Setembro.
Onde alugar: Parque dos Condes
As barcas, recreacións de embarcacións fluviais tradicionais, teñen capacidade para 6-8 persoas
O río Cabe é punto de referencia tamén pola súa Ponte medieval que cada ano polas festas patronais, en agosto, se ilumina de noite cos lumes artificiais de río.