O Alcalde anuncia a apertura o luns 2 de marzo do novo Ximnasio Municipal, “co que completamos a renovación integral do Complexo Deportivo da Pinguela”

Monforte de Lemos, 26 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitou hoxe as novas instalacións do Ximnasio Municipal de A Pinguela, e anunciou a data de apertura do mesmo, que se producirá o vindeiro luns, 2 de marzo, mantendo o mesmo horario que a Piscina Municipal. A posta en funcionamento deste servizo prodúcese unha vez finalizados os traballos de subministro e montaxe do novo equipamento deportivo, adxudicado por un importe de 106.791,98€ á empresa Jonhson Health Technologies SL..

O rexedor, que estivo acompañado neste acto pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e Deportes, José Manuel Mougán, ademais do técnico municipal de Deportes, Óscar Rodríguez, apuntou que coa apertura do novo Ximnasio “completamos a renovación integral do Complexo Deportivo da Pinguela”, unha remodelación das infraestruturas deportivas que comezou en 2023 coa reforma integral do Pavillón Polideportivo e continuou coa nova Piscina Municipal, inaugurada en outubro de 2025. “Con estas actuacións, que xuntas supuxeron unha inversión de 6M€, Monforte pode presumir agora dun complexo deportivo único, eficiente e moderno”, destacou o Alcalde.  

Así mesmo, anunciou que o Concello xa está traballando na elaboración da documentación e estudios para redactar as bases para a xestión da cafetería que dará servizo a todo o complexo deportivo, “co fin de licitar o contrato nos próximos días e resolver o concurso o antes posible para que todos os usuarios poidan utilizalo”, indicou.

 

300 m2 e cinco zonas de adestramento

A posta en marcha do Ximnasio, incidiu o Alcalde, “completa a oferta deportiva do renovado Complexo Deportivo Municipal de A Pinguela e pon a disposición dos veciños e veciñas un servizo que gaña en superficie e funcionalidade respecto do anterior”.

A nova sala, situada na zona sur da edificación, conta cunha superficie útil de 300 m2 distribuídas en cinco zonas de adestramento:

1. Zona Cardiovascular, composta por 5 cintas, 3 elípticas, 6 bicicletas verticais e 1 bicicleta horizontal, todas elas orientadas cara unha ampla cristaleira  con vistas ao exterior co fin de facer máis agradable a práctica deportiva.

2. Zona de máquinas de musculación selectorizadas, que permiten aos usuarios seleccionar o peso a través da pila de pesos dispoñible na máquina. Esta zona está composta por:

  • Prensa de pernas horizontal
  • Extensión de cuádriceps
  • Femoral sentado
  • Máquina dual contractora de pectoral e espalda alta
  • Press de peito
  • Press de ombreiro
  • Pull de espalda
  • Curl de bíceps
  • Extensión de tríceps
  • Multicadeira
  • Multiestación de poleas con 4 estacións

3. Zona de peso libre, composta por:

  • Press banca plano
  • Press superior
  • Press de ombreiro
  • Multipower
  • Banco scott para biceps
  • 4 bancos regulables
  • Halteras de diferentes pesos

4. Zona de adestramento funcional composta por tres módulos que incorporan 2 poleas regulables en altura, 3 barras de dominadas multiagarre e anclaxes estáticos a diferentes alturas para realizar multitude de exercicios. Esta zona funcional complétase con material diverso, como balóns funcionais e kettlebells de diferentes pesos, gomas elásticas de diferentes resistencias, fitballs, bosu e TRX.

5.  Zona de estiramentos dotada con 18 colchonetas.

 

Ademais do subministro de máquinas de musculación e cardiovasculares, adxudicado á empresa Jonhson Health Technologies SL, o Concello de Monforte completou o equipamento do Ximnasio Municipal coa dotación de espellos na zona de peso libre, pequeno material funxible de adestramento e un reloxo dixital, que suman unha aportación de 7.253,12€ repartidos do seguinte xeito:

  • Espellos na zona de peso libre: 4.939,20€
  • Pequeno material funxible de adestramento: 1.861,92€
  • Reloxo dixital: 452,00€

 

A inversión completa no equipamento do Ximnasio Municipal ascende así a 114.000€.

 

Un monitor encargado do Ximnasio, de luns a venres

O Ximnasio Municipal manterá o mesmo horario de apertura que a Piscina Municipal, como xa acontecía antes da remodelación integral das instalacións. Deste xeito, o horario será o seguinte:

  • Luns a venres: de 7:30 a 14:00h. e de 15:00 a 23:00h.
  • Sábados: de 10:00 a 14:00h.
  • Domingos e festivos: de 10:30 a 14:30h.

Outra das novidades que incorpora o Ximnasio Municipal é a presenza dun monitor encargado de velar polo bo funcionamento da sala, así como de asesorar sobre o funcionamento dos diferentes equipos a todas aquelas persoas usuarias que o precisen.

Esta persoa estará presente na sala, de luns a venres, no seguinte horario:

  • Luns: de 10:00 a 13:00 h e de 17:00 a 21:00 h.
  • Martes: de 9:00 a 10:00h, de 11:00 a 14:00h, e de 17:00 a 21:00h.
  • Mércores: de 10:00 a 12:00h e de 17:00 a 21:00h.
  • Xoves: de 9:00 a 12:30h e de 17:00 a 21:00 h.
  • Venres: de 10:00 a 11:00 h, de 12:00 a 13:00h e de 17:00 a 21:00 h.