Monforte de Lemos, 27 de maio de 2026. O Concello de Monforte reforza a súa colaboración coa celebración das Festas de San Antonio, unha das tradicións festivas de barrio máis importantes e participativas da nosa cidade. Este ano desenvolveranse desde o xoves 11 de xuño ao domingo 14, cun amplo programa de actividades.
O Alcalde, José Tomé Roca, recibiu este mércores na Sala de Xuntas do Concello aos integrantes da comisión de festas que se encargaron da planificación do programa festivo, un cartel que este ano vén cargado de actuacións musicais, pasarrúas e actividades para todos os públicos. O rexedor manifestou o seu apoio para que esta cita se manteña no calendario preservando unha tradición moi arraigada non so no barrio de San Antonio, senón en toda a cidade. “Estas festas son moi queridas polos monfortinos e monfortinas e supoñen tamén un atractivo para os que nos visitan, por iso desde o Concello queremos colaborar e apoiar a súa celebración, igual que facemos co resto dos barrios e parroquias do municipio”, indicou.
Neste caso, explicou o Alcalde, o Concello apoia a organización do evento cunha axuda económica de 3.000€ e colabora financiando outros servizos especiais como a limpeza, ademais do espazo público e o mobiliario. Así mesmo, pon en valor o esforzo e traballo da comisión de festas na planificación de este evento e o compromiso amosado por conservar esta tradición. “As Festas de San Antonio son moi especiais porque manteñen esa esencia de festa popular e de convivencia veciñal que desde o Equipo de Goberno queremos preservar, e considerámolas como as segundas Festas Patronais”.
Cabe recordar que o día grande do San Antonio, o 13 de xuño, que este ano cae a sábado, é festivo local no Concello de Monforte: “O San Antonio, xunto co Martes de Pascua, é unha festa que, celebrándose no centro da cidade, no barrio de San Antonio, mantén a esencia dunha festa relixiosa popular que ten moita devoción e moitos participantes”, indicou Tomé, engadindo o compromiso de asistir a esta celebración tanto do Alcalde como de outros membros do Equipo de Goberno.
Pola súa banda, o portavoz da comisión de festas, Carlos Prada, manifestou o agradecemento ao Alcalde e ao resto do Equipo de Goberno polo apoio na organización do evento e as facilidades para que estas Festas poidan celebrarse mantendo viva a tradición do barrio.
Programa das Festas de San Antonio 2026
XOVES 11
10.00 h. Salva de bombas marcando o inicio das Festas.
21.00 h. verbena coa Orquesta Marbella.
VENRES 12
10.00 h. Salva de bombas para anunciar o segundo día de las Festas.
10.30 h. Dianas e alboradas a cargo da agrupación tradicional Os Triskeles.
20.00 h. Pasarrúas a cargo da batukada TuKuPá.
21.00 h. Festa verbena a cargo de Suavecito e a actuación de DJ Sonic.
SÁBADO 13
9.00 h. Bendición do tradicional ramo de roscas e venta fronte á igrexa de San Antonio e na praza de Santa Clara.
10.00 h. Salva de bombas para anunciar o día grande das Festas.
10.30 h. Dianas e alboradas a cargo da Charanga NBA e Os Xograres de Lemos.
12.30 h. Misa solemne seguida da procesión polas inmediacións da igrexa.
13.30 h. Degustación de viño coas autoridades (proporcionado por bodegas da Ribeira Sacra).
19.30 h. Actuación da agrupación Lemavos na praza de Santa Clara.
22.00 h. Festa coa actuación do Grupo Los Coleguitas.
00.00 h. Sesión de Fogos de Artificio que dará paso á verbena con Los Coleguitas e finalización co concerto a cargo do grupo Malenne.
DOMINGO 14
10.00 h. Salva de bombas para anunciar o último día das Festas.
10.30 h. Actuación da Agrupación Amigos da Pandeireta e Cadela Asasina polas inmediacións do barrio de San Antonio.
11.30 h. Xogos infantís no Campo de San Antonio para os máis pequenos.
13.00 h. Sesión vermú no Campo de San Antonio a cargo da charanga Os Sureños.
21.00 h. A actuación do grupo Punto Clave porá o broche final as Festas.