
Monforte de Lemos, 14 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte fai balance positivo do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos correspondente ao ano 2025, un exercicio no que se rexistraron un total de 7.550 toneladas (7.557.463 quilogramos) no conxunto das cinco fraccións recollidas: resto, envases mesturados, cartón e papel, vidro e materia orgánica.
O Alcalde, José Tomé, destaca que este resumo anual “permite coñecer a distribución dos residuos recollidos e ofrece información relevante para continuar mellorando a organización e a eficiencia do servizo municipal, así como para avanzar cara a unha cidade máis limpa e coidada”.
Así mesmo, destaca que “as boas cifras demostran que os monfortinos e as monfortinas están cada vez máis concienciados na separación selectiva do lixo doméstico”, cuestión que, engade, “merece o noso recoñecemento, xa que, ademais de protexer e mellorar o medio ambiente, están contribuíndo decisivamente a facer do noso Concello unha cidade máis limpa”.
Recollida por fraccións
A fracción do residuo clasificado como ‘resto’ é a de maior peso, con 6.680 toneladas (6.680.893 kg) recollidos, o que representa o 88,4 % do total.
Pola súa banda, a recollida de cartón e papel acadou as 310.400 kg; a de vidro, 281.890; a de envases mesturados, 208.780; e a de materia orgánica, 75.500 kg.
Con estes datos, o rexedor monfortino salienta a importancia de “contar cun servizo de recollida de residuos eficiente, organizado e adaptado ás necesidades da cidade”, así como o traballo diario necesario para manter os espazos públicos nas mellores condicións.
“A limpeza da cidade e a correcta xestión dos residuos son cuestións fundamentais para a calidade de vida da cidadanía. Desde o Concello seguimos traballando para ofrecer un servizo eficiente, que responda ás necesidades do municipio e que contribúa a manter as rúas e os espazos públicos limpos e coidados”, sinala o Alcalde.
Colaboración cidadá
Neste senso, destaca tamén a importancia da colaboración cidadá para avanzar na separación dos residuos e favorecer a súa correcta xestión: “Manter unha cidade limpa é unha tarefa compartida. A responsabilidade municipal na prestación do servizo debe ir acompañada da colaboración dos veciños e veciñas, facendo un uso adecuado dos colectores e separando correctamente os residuos”.
Entre as melloras implantadas está a posta en marcha do sistema de recollida da fracción orgánica mediante o cubo marrón que o Concello de Monforte entrega de balde aos veciños e veciñas que o solicitan. Este sistema incorporouse tamén no sector hostaleiro, ao que o Concello agradece a súa colaboración para mellorar a separación de residuos.