O Concello tramitará a ampliación da actual zona ARI

O alcalde de Monforte entrevistouse esta mañá en Compostela co Director Xeral do IGVS, José Boné Pina, para expoñerlle a intención do Concello de solicitar unha ampliación da Área de Rehabilitación Integral da cidade (ARI) e avaliar a viabilidade da aprobación da citada ampliación. 

 

O Director Xeral considerou axeitada a proposta do rexedor monfortino, polo cal o Concello porá en marcha o proceso de documentación previo ó inicio dos trámites necesarios para solicitar a ampliación do ARI monfortino. 

 

O motivo fundamental polo que o Concello solicitará a ampliación da zona ARI é que a delimitación actual deste espazo é moi reducida, co agravante de que as edificacións existentes nel presentan un avanzado grao de deterioro e pequenas dimensións, o cal fai moi complexa a súa rehabilitación.

 

O ámbito do ARI actual presenta un alto índice de despoboamento polo cal, o goberno considera que se se incrementa o ámbito susceptible de recibir subvencións para a rehabilitación de edificacións, a mellora producida fará máis apetecibles as vivendas que agora non o son.

 

O obxectivo é potenciar e aproveitar mellor as axudas que dentro do Plan Vivenda se establecen para estes ámbitos, e que comprenden subvencións á rehabilitación de vivendas así como axudas á reurbanización de espazos públicos, fomentando así a reocupación e mantemento das vivendas e a mellora do espazo urbano.

 

A delimitación actual da zona ARI inclúe o antigo burgo medieval, é dicir, a zona intramuros e os arrabaldes en contacto coas antigas portas de saída.

 

A intención do goberno municipal é que a área de ampliación que se propoña, dentro da delimitación do Conxunto Histórico, incorpore zonas importantes e representativas da cidade.

 

A superficie da actual zona ARI afecta a 9,89 hectáreas, nas cales se encontran 333 vivendas nun total de 238 edificacións.

 

Esta solicitude constituiría unha primeira ampliación que, unha vez aprobado o Plan Especial de Protección, permitiría converter a totalidade do Conxunto Histórico en Área de Rehabilitación.

 

A ampliación da zona ARI permitiría que as vivendas incluídas na nova delimitación se beneficiasen de dúas liñas de axudas diferentes para a súa rehabilitación e posta en uso, favorecendo a mellora dun ámbito central e fundamental na cidade, grazas á reocupación das súas vivendas e a conseguinte mellora da súa actividade.