O goberno municipal reclama solucións satisfactorias á problemática das participacións preferentes

O grupo de goberno do Concello de Monforte rexistrou, para ser debatida no próximo pleno, unha moción relativa á protección das persoas afectadas pola colocación masiva de participacións preferentes.

 

Na exposición de motivos sinálase que,debido á falta de transparencia na súa colocación,persoas deste concello están denunciado a comercialización irregular de participacións preferentes por parte das entidades financeiras.

 

A moción cualifica as participacións preferentes como un produto de investimento moi complexo e cun risco elevado.

 

Segundo manifesta na moción o grupo de goberno, a colocación masiva de participacións preferentes tivo como obxectivo a miles de clientes particulares que non estaban familiarizados cos investimentos financeiros, e que non foron informados debidamente das características destes produtos, dos seus riscos, da súa escasa ounula liquidez nin da súa perpetuidade.

 

Como resultado deste proceso e ó non advertir ás persoas interesadas sobre os riscos que entrañan estes produtos financeiros, a cidadaníaestá a comprobar agora a imposibilidade de recuperar o diñeiro investido.

 

A moción pretende esixir das autoridades competentes, tanto da Xunta de Galicia -dado que moitas participacións foron emitidas polas extintas caixas de aforro antes da súa conversión en Nova Galicia Banco-, como do Goberno do Estado, que proporcionen unha solución satisfactoria óproblema da colocación de participacións preferentes entre pequenos aforradores. Solución que, segundo considera o grupo de goberno, debe pasar pola devolución íntegra do nominal investido nestes títulos, sen rebaixa de ningún tipo e, con vistas ó futuro, pola observancia estrita da normativa de protección de consumidores de produtos financeiros.