O Concello incrementará a colaboración con Cáritas

O alcalde e a concelleira de benestar social reuniranse este venres, ás 10 da mañá no local de Cáritas, con integrantes deste colectivo.

 

A reunión, solicitada polo rexedor municipal, ten como finalidade coñecer de primeira man como está afectando a actual situación de crise económica e desemprego á sociedade monfortina, cales son as demandas que está recibindo esta asociación de carácter solidario, e de que maneira o Concello pode incrementar a colaboración con Cáritas para axudar ós colectivos máis desfavorecidos.

 

Cáritas de Monforte é unha agrupación moi activa na axuda ás familias e ás persoas con problemas económicos e de subsistencia, unha intensa actividade que converte ós integrantes deste colectivo en fondos coñecedores da situación e de cómo debe enfocarse a loita contra a exclusión social das persoas máis desfavorecidas.

 

Severino Rodríguez e Pilar López, xunto con persoal dos servizos sociais municipais, asistirán a esta reunión co ánimo de recibir información e de coñecer con rigor o alcance dun problema que non é alleo á sensibilidade do goberno municipal, pero tamén aportarán propostas orientadas a paliar a difícil situación de moitas familias monfortinas.

 

A idea inicial do alcalde é establecer un convenio con Cáritas, documento no que se recollerán as liñas de actuación e no que se concretará a maneira na que o Concello colaborará con esta agrupación.

 

O alcalde e os membros do goberno municipal, convencidos do valor da solidariedade como un dos piares da acción de goberno, consideran que a mellor forma de enfrontar estes tempos difíciles é colaborando e apoiando o esforzo e a acción diaria de tódalas asociacións que están fortemente implicadas nesta dura loita.