Proposta do Alcalde sobre a axuda a domicilio

O Alcalde levará ó pleno do próximo luns unha proposta sobre a decisión da Xunta de Galicia de suprimir a subvención para a axuda no fogar básica ou axuda a domicilio a aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

 

Esta proposta, que poden ver na súa totalidade en documento adxunto, estaba recollida entre as medidas xurdidas da reunión que mantiveron os alcaldes de Chantada, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil e Monforte o xoves día 24 de maio.

 

Os alcaldes denunciaron a actitude da Xunta recortando a axuda a domicilio o que, para eles, supón “abandonar ós usuarios”. Os rexedores tamén sinalaron que xa lles reduciran o 50 % da aportación no ano 2011 “sen avisar e despois de ter feito o gasto, co conseguinte trastorno nas contas municipais”, comentaron, “e aínda así mantivemos o servizo”. 

 

A primeira das medidas que decidiron adoptar estes catro concellos foi levar ós respectivos plenos un requirimento á Xunta de Galicia para que transfira ós concellos o diñeiro que non transferiu á Deputación e, ó mesmo tempo, para que as corporacións “manifesten o seu apoio ó recurso que vai presentar a Deputación diante da Xunta de Galicia”.

 

Outra medida será celebrar reunións ou asembleas informativas coas persoas afectadas “traballadores/as sociais, traballadores/as de axuda a domicilio, e usuarios/as”.  Os alcaldes anunciaron que, así mesmo, continuarán facendo xestións “para conseguir este diñeiro”. 

 

Os alcaldes debuxaron un panorama moi negro se non conseguen o diñeiro para a axuda a domicilio. Severino Rodríguez dixo que en Monforte terían que “despedir a catro persoas que traballan nos servizos sociais municipais e reducir a prestación da axuda a domicilio, coa conseguinte diminución das 71 traballadoras que atenden este servizo”.