I Festa do Viño Novo no Centro do Viño en Monforte

O concello de Monforte, en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe e coa empresa Rutas Sacras Nomar,  xestora do Centro do Viño,  organiza  este sábado día 1 de Marzo  a “I Festa do Viño Novo da Ribeira Sacra”.

 

A Festa celebrarase no Claustro do Centro do Viño e na mesma participarán dezaseis adegas que ofrecerán degustacións do viño da última colleita.

 

A Festa empezará ás 11 da mañá cun desfile de lexionarios romanos da III Cohors Lucensium, que escoltarán un carro con viño novo dende a Explanada da Compañía ata o Centro do Viño, pasando pola rúa Cardeal.

 

Xosé Mouriño Cuba, recentemente xubilado como xefe do Servizo de control de Calidade Agroalimentaria e Industrias, será o encargado de realizar a apertura oficial do evento ás doce do mediodía. A continuación actuará o grupo de Pandereteiras da Asociación Amigos da Pandeireta de Monforte, e pola tarde haberá animación musical a cargo de grupos de gaiteiros.

 

A I Festa do Viño Novo foi presentada polo alcalde de Monforte e polo xerente do Centro do Viño da Ribeira Sacra. Severino Rodríguez louvou unha iniciativa que cualificou como “unha idea estupenda”, e falou dunha “festa modesta que nace con vocación de continuidade e que conta con todo o apoio do Concello”. O alcalde tamén dixo que con esta celebración “falarase dos caldos da denominación e Monforte e o propio Centro do Viño volverán ser lugares de referencia na Ribeira Sacra”.

 

Xosé Ramón Martínez Mareque dixo que non se trataba dunha feira do viño senón “dunha exaltación da nova colleita, conxugada coa música e cun carácter eminentemente festivo”. O xerente do Centro do Viño falou de certas dúbidas sobre a posibilidade de realizar este evento xa que “deberíase facer antes do inicio do calendario de feiras e a colleita deste ano foi moi tardía”. Mareque salientou que a intención é tratar ó viño coma un tesouro da Ribeira Sacra “motivo polo que chegará ó Centro do Viño dentro dun cofre e escoltado pola III Cohors Lucensium”.

 

As dezaseis bodegas que participarán na Festa do Viño Novo representarán ás cinco subzonas da D.O, e ofrecerán a degustación de catro viños adquirindo un ticket por un prezo de 3 euros. Tamén se venderán ou alugarán cataviños por un prezo de 2 euros.

 

O xerente do centro do Viño destacou a boa acollida da iniciativa por parte dos adegueiros, salientando a elevada porcentaxe de bodegas participantes “xa que hai dúas semanas só 20 bodegas tiñan os seus viños calificados”.