O Centro do Viño da Ribeira Sacra

01/ 02/ 2024 Esta é unha terra dunha beleza natural incrible, onde o bosque e os pequenos pobos están cargados de mitos e lendas. A Ribeira Sacra produce viños tan orixinais como a súa paisaxe chea de segredos. O viño foi introducido polos romanos e desenvolto desde tempos medievais polos mosteiros. Os viños cultívanse en terrazas das que penduran as cepas sobre canóns case verticais derriba do río, conformando unha paisaxe realmente singular.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra é un espazo creado para o encontro de todas as actividades ó redor do viño desta terra. Adegueiros, expertos, artistas, catadores e afeccionados, teñen aquí a súa casa. Nacemos para xuntar esforzos, para conciliar intereses. As nosas portas están abertas para todos os que, coma nós, desexen o mellor futuro para os nosos viños.

Para máis información, visita a nosa web http://www.centrovino-ribeirasacra.com

A exposición

O espazo museístico pretende adentrar ao visitante nos elementos naturais propios da Ribeira Sacra: terra, auga, sol, néboas,…. para entender a importancia de cada un deles. Un dos sinais de identidade da Ribeira Sacra son as bancadas, a escaleira, os muros, os socalcos,… que estarán presentes en grande parte da exposición, amosándonos un extenso estudo do viño e da Ribeira Sacra cos máis modernos medios audiovisuais.

Realizaremos unha viaxe polo patrimonio artístico, histórico e natural da Ribeira Sacra: a arquitectura civil, a natureza, o románico e os mosteiros, as adegas, as festas, tradicións, artesanía e o seu vencellamento co Camiño de Santiago.

Esta innovadora exposición permanente, indaga sobre a cultura do viño. As lendas do tempo, as paisaxes, as terras da Ribeira Sacra, os nosos viños, cada vez máis aclamados internacionalmente. Nunha visita guiada, vostede poderá gozar das fotografías, vídeos, esculturas, pinturas, sons e luces, e descubrir a verdadeira historia do viño que forma parte da vida das xentes de aquí, conformando a súa personalidade, así como eles conforman a do viño.

Máis información nesta mesma web