Concertos de balde todos os días durante as patronais

Os concertos das patronais de Monforte tiveron históricamente sona por traer actuacións de nivel e de balde. Pero este ano será a primeira vez que haxa concertos de balde todos os días. Desde a música máis actual á musica que forma parte da historia da música pop-rock  española, contando tamén coa música de artistas locais e da comarca e as mellores orquestras.

O sábado día 11 na Praza de España actuará BLESET liderado pola monfortina Sara Burgo, música electrónica e letras atrevidas para unha formación que cada vez sona con máis forza.

O domingo 12 na explanada da Compañía actuarán os leoneses Café Quijano cos seus temas de sempre e presentando o seu último disco “La vida no es la la la”. Solara será a orquestra desa xornada.

O luns 13 de agosto tamén na explanada da Compañía as actuacións correrán por conta da orquestra Trébol e os valenciáns Seguridad Social.

O martes 14 de agosto o peso musical recaerá na comarca con Lucía Perez e Gin Tonis, unha cantante e un grupo moi queridos por Monforte e moi vinculados desde sempre coa cidade do Cabe.

O día da Patrona, o 15 de agosto, na explanada da Compañía actuarán Amaia Montero, exvocalista de La oreja de Van Gogh e o grupo Nebraska.

O punto e final ás festas porase  o xoves 16 con Efecto Pasillo, o grupo canario é desde o 2012 habitual nas listas de popularidade das radiofórmulas españolas. A orquestra nesta xornada será Los Trovadores.

Desde o concello de Monforte anímase a tod@s @s veciñ@s e visitantes a participar destas actuacións musicais que se desenvolverán nun dos mellores escenarios arquitectónicos posibles, a explanada da Compañía co edificio dos Escolapios como decorado dos concertos. Toda a información das festas patronais nesta web e na web monfortedelemos.es

As festas de Monforte volven a ser referentes na comarca e encantaríanos que tod@s formedes parte delas.