21/01/2022 Monforte de Lemos tivo importante representación en Fitur coa participación nos actos desenvoltos no stand da Red de Juderías de España, no da Asociación de Castillos e Palacios de España e no de Galicia, neste caso para presentar a nova imaxe do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
O concello de Monforte aposta por dar coñecer e promocionar o pasado xudeu da cidade como parte da Rede de Xudarías, da que forma parte desde o ano 2001. Na Guía das Xudarías Galegas, Monforte é protagonista xunto a Tui e Ribadavia, únicos concellos que forman parte da Rede de Xudarías polo seu patrimonio.
Monforte tamén forma parte da Asociación Castillos y Palacios de España, á que pertence a través da Torre da Homenaxe. O alcalde, José Tomé, resaltou “a potencialidade da Torre da Homenaxe, un dos emblemas máis senlleiros da cidade de Monforte que se erixe na cima do val de Lemos presidindo o Conxunto monumental de San Vicente do Pino, e que é ademais un miradoiro privilexiado, e lugar de visita por excelencia de todos os que se achegan á nosa cidade”.
No espazo adicado á provincia de Lugo no stand de Galica tamén se podía atopar todo o material promocional e turístico do concello. En Fitur quedou de manifesto que Monforte e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “A declaración da Ribeira Sacra como Reserva da Biosfera supón un novo recoñecemento internacional da riqueza medioambiental coa que contamos na provincia, que ten máis do 80% do seu territorio incluído nunha Reserva da Biosfera”, sinalaba Tomé Roca.