A pinacoteca do Colexio Nosa Señora da Antiga

11/10/2023 O edificio promovido polo Cardeal Rodrigo de Castro no 1593 alberga no seu interior unha interesante pinacoteca nun local construido no 1699 para sacristía da Igrexa. A pinacoteca conta con obxectos persoais do Cardeal Rodrigo de Castro e interesantes libros, ademais de pinturas que estaban noutras partes do edificio e traladáronse aquí. As obras sometéronse hai anos a restauración por parte do Museo del Prado e recentemente o concello de Monforte restaurou o retrato do Cardeal Rodrigo de Castro. A obra de tamaño natural e autor descoñecido, realizadouse para o colexio no s.XVII, segundo debuxo de Francisco Pacheco, sogro de Velázquez.

Acompañan a esta peza dúas obras do Greco (Doménikos Theotokopoulos).

“San Lorenzo”, titulado “aparición da Virxe co Neno a San Lorenzo”. Pertence á primeira época do pintor (1576-79) con influencias italianas de Tintoretto e Correggio. Segundo Camón Aznar é anterior ao famoso “Enterro do Conde Orgaz” (Toledo) e é un dos cadros máis selectos da súa pintura; destaca, sobre todo, a dalmática do Santo Diácono. 

“San Francisco”, titulado “San Francisco de Asís e Frei León meditando sobre a morte”. Auténtico do Greco segundo Cossío, que o data entre 1594-1604. Mayer e Camón Aznar dátano entre 1590 e 1598. Leva unha inscrición co nome do pintor. 

E cinco pinturas de Andrea do Sarto

Santa Margarida de Cortona, a penitente. Santa Inés, nena de doce anos, mártir en 304, co seu simbólico cordeiro, orixe do seu nome. Santa Catalina de Alexandría, patroa dos filósofos, mártir aos 18 anos. San Pedro, pai da Igrexa. San Juan Bautista, de gran beleza en cor e formas. Estes dous últimos son réplicas doutros existentes na Catedral de Pisa. 

Máis información sobre o Colexio Nosa Señora da Antiga neste enlace

Outros museos de Monforte neste enlace.