Live is Life proxéctase por vez primeira en Monforte de Lemos

Monforte de Lemos, 12 de novembro de 2021. A cidade de Monforte de Lemos acolleu, en primicia, a estrea de Life is Life, a nova película do director lucense Dani de la Torre. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, diversos membros da Corporación municipal e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participaron na preestrea este venres xunto ao director, parte do equipo técnico e artístico, como os actores David Rodríguez e Javier Casellas, ademais do produtor, Toni Novella.

A institución provincial colaborou, cunha achega de 100.000€, na rodaxe e produción da longametraxe. Esta axuda forma parte do compromiso mantido pola Deputación en apoio da industria cinematográfica e dun turismo de calidade e sostible a través da promoción do territorio. “Na última década, a Deputación colaborou con máis de 30 producións audiovisuais, o que demostra o noso claro apoio á industria audiovisual galega e lucense”, destacou José Tomé.

A película, que está previsto que se estree en 2022 nas salas nacionais, foi proxectada nos Cines Hollywood, de Monforte de Lemos. Na cita, ademais de representantes provinciais e persoal técnico e artístico da longametraxe, tamén participou unha ampla representación do tecido social do municipio monfortino.

O Alcalde valorou a importancia de “converter á provincia nun plató de rodaxe, pois é unha oportunidade moi boa para a proxección nacional e internacional da riqueza patrimonial e paisaxística da nosa provincia. O cine é un escaparate excepcional”.

Live is Life

Live is Life, dirixida por Dani de la Torre e baseada nunha historia orixinal de Albert Espinosa, traslada ao espectador á noite de San Xoán a mediados dos anos 80 para narrar a historia dun grupo de cinco nenos nun pequeno pobo de Galicia. O director é xa un recoñecido cineasta e un dos embaixadores da provincia de Lugo, que tamén foi escenario no ano 2017 da súa película la Sombra de la Ley.