Actualidade

Peche da Casa da Cultura e da Biblioteca por obras de mellora do 22 ó 26 de febreiro

Dende o Concello de Monforte informamos que, dende o luns 22 ó venres 26 de febreiro, tanto a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro como a Biblioteca Municipal de Monforte permanecerán pechadas.

O motivo do peche é debido á realización das obras de reforma do cableado e mellora da instalación de acceso á Internet que se levarán a cabo durante os referidos días nestas instalacións municipais.

Dende o Concello, rogamos desculpen as molestias que este peche poida ocasionar; son obras necesarias para mellorar a calidade do servizo ós usuarios destas instalacións.

TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 25 DE FEBREIRO DE 2021

O xoves 25 de febreiro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar unha nova cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2021 en Monforte de Lemos.

A compañía IBUPROFENO TEATRO poñerá en escena a obra "O MEL NON CADUCA", obra escrita e dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada por Marián Bañobre e Avelino González.

O mel non caduca é un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes, sendo o aforo limitado seguindo a normativa sanitaria no momento da realización do espectáculo.

Debido a situación sanitaria é obrigatorio o uso de máscaras, haberá que gardar a distancia de seguridade e usar a solución hidroalcohólica.

A venta de entradas farase dende unha hora antes da actuación e a entrada ao salón de actos realizarase media hora antes do comezo da obra.