O Equipo de Goberno ofrece un ano máis formación universitaria para maiores de 50 anos, en colaboración coa USC

Monforte de Lemos, 29 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que dende hoxe luns 29 de abril xa está aberto o prazo de inscrición para anotarse nunha nova edición do programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, que froito do acordo que a entidade monfortina estableceu coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), por quinto ano consecutivo.

O programa leva por título “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento” e está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos. Poderá inscribirse neles calquera persoa maior de 50 anos, para que non é necesario posuír ningunha formación previa específica.

José Tomé salienta que “trátase dun programa, que xa celebramos dende o ano 2020, cun gran éxito de participación nas 4 edicións celebradas, e con el  garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos. Polo tanto, entendemos a través  deste proxecto favoreceremos o achegamento do coñecemento á poboación maior do noso Concello, o que incidirá na mellora da súa calidade de vida e a súa participación social real nos ámbitos rural e  urbano”.

Deste xeito, todos os interesados e interesadas poderán formalizar a súa inscrición gratuíta neste programa acudindo á Biblioteca Municipal de Monforte (Praza de España) en horario de 9 a 14 horas ou chamando ó 982 402 501 e preguntando pola arquiveira municipal. O prazo abriu hoxe luns 29 de abril e ata o martes día 21 de maio, ambos incluídos.

O Alcalde de Monforte convida a todos os monfortinos e monfortinas, de máis de 50 anos, a inscribirse nos distintos seminarios xa que considera que “é unha forma de desfrutar dunha oportunidade enriquecedora de ampliar coñecementos e tamén unha posibilidade de relacionarse, interactuar e compartir experiencias e inquietudes con outras persoas”.

 

PROGRAMA “Camiños de coñecemento e experiencia 2024” en Monforte

O programa de seminarios e activades prácticas desenvolverase no Centro Cívico de Monforte (Paseo do Malecón) entre o 23 e o 31 de maio de 2024. Dito programa contará coas seguintes actividades teóricas e prácticas:

-Seminario: “O cine como linguaxe e sesión práctica: Rodaxe dunha curtametraxe sobre os refráns como elementos comunicativos.”

23/05/2024 16:30-20:00 h.

Impartido por Álvaro Dosil Rosende, investigador da USC e profesor do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.

-Seminario: “Astronomía nun día solleiro: os reloxos de sol”.

24/05/2024 16:30-18:00 h

Impartido por Manuel Andrade Baliño, docente da Escola Politécnica Superior e do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.

-Sesión práctica de construción dun reloxo de sol e aprendizaxe do seu uso.

27/05/2024 16:30-18:00 h

Impartido por Manuel Andrade Baliño, docente da Escola Politécnica Superior e do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.

-Seminario: A educación para a cidadanía global e un consumo responsable.

28/05/2024 16:30-18:00 h

Impartido por Ana Lampón, Solidariedade Internacional e Colaboradores do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo.

-Obradoiro práctico-xogo: A educación para a cidadanía global e un consumo responsable.

29/05/2024 16:30-18:00 h

Impartido por Ana Lampón, Solidariedade Internacional e Colaboradores do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo.

-Seminario: O Parador de Monforte de Lemos.

30/05/2024 17:00-19:00 h

Impartido por Patricia Cupeiro López, profesora da Facultade de Humanidades e profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.

-Percorrido cultural nos alendaños do parador de Monforte de Lemos.

31/05/2024 17:00-19:00 h

Impartido por Patricia Cupeiro López, profesora da Facultade de Humanidades e profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.

 

Antecedentes

As institucións públicas galegas, como establece a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia, teñen a obriga de por os medios para espallar o coñecemento e o saber a toda a sociedade, tanto o coñecemento universal como o local, mais relacionado neste caso coa memoria histórica e social das comarcas e concellos. Neste senso, entidades como a Universidade de Santiago de Compostela e os propios concellos, xogan un papel fundamental, que é o caso destas accións formativas ofertadas.

Así, froito desta necesidade e inquietude que persegue a democratización do coñecemento, o Concello de Monforte renovou o seu acordo coa USC, e co apoio da Deputación de Lugo, para desenvolver na cidade o programa universitario para maiores de máis de 50 anos “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”.

O programa achega esta formación específica a zonas e sectores da poboación que, por diferentes motivos (xeográficos, económicos …), non poden asistir ó devandito programa de formación para maiores nas instalacións universitarias en cada unha das sedes oficiais da USC. A colaboración co Concello de Monforte, que pon a disposición de docentes e participantes, as instalacións do Centro Cívico, posibilita o desenvolvemento deste programa.

 

Obxectivos

O obxectivo principal deste programa é favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos nos concellos que se suman a este proxecto. Para elo, desenvólvense accións específicas que se concretan en varios obxectivos específicos:

  • Revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio.
  • Concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas.
  • Recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias.
  • Adaptar e coñecer as competencias sociosanitarias dos principios de envellecemento activo.
  • Acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación.

 

Metodoloxía

A metodoloxía é de corte participativa e aberta, na que os docentes universitarios desenvolveran varias sesións de docencia: teóricas unhas (de conferencia/seminario onde se pretende favorecer o dialogo e participación dos asistentes) e outras prácticas (con actividades de visita guiada, obradoiro,…) sendo unhas de corte máis humanístico, outras máis científicas e outras artísticas.