O Concello de Monforte súmase á campaña contra a violencia de xénero impulsada polo Ministerio de Igualdad, por mor da situación de crise do Covid-19

Monforte de Lemos, 04  de abril de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello adhírese activamente á campaña que ven de poñer en marcha o Ministerio de Igualdad do Goberno de España, dentro do marco do Plan de Continxencia contra a violencia de xénero, ante a crisis do Covid-19.

Baixo o lema “Estamos contigo, a violencia de xénero parámola unidas”, o Concello de Monforte, en colaboración coa Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Lugo, dispón xa de material institucional elaborado polo Ministerio, co obxectivo fundamental de concienciar contra a violencia de xénero e alertar ante situacións de violencia dentro dos fogares, así como incidir sobre a importancia de buscar e manter unha boa convivencia, especialmente durante este período de confinamento necesario por mor desta pandemia do coronavirus. Do mesmo xeito, a través desta campaña, ponse en coñecemento da poboación as ferramentas e canles necesarias para denunciar unha situación de violencia de xénero.

Deste xeito, o Alcalde salientou que “a través da Concellería de Muller e Igualdade do Concello e a través do Centro de Información á Muller (CIM), proporcionamos toda a información necesaria ás vítimas de violencia de xénero acerca dos servizos que poñemos á súa disposición dende o Concello, e que reforzamos ante este grave contexto derivado da crise sanitaria do Coronavirus.”.

“Trátase”, matizou Tomé Roca “de garantir o apoio a todas aquelas vítimas por violencia de xénero que o necesiten, máis aínda se cabe neste especial contexto de crise que está afectando a toda a sociedade e que xenera un maior número de conflitos derivados do obrigado confinamento nos fogares”. As mulleres vítimas de violencia de xénero son un colectivo especialmente vulnerable en situacións de illamento domiciliario, por verse forzadas a convivir co seu agresor, o que as sitúa nunha situación de maior risco nesta crise do COVID-19.

Para elo, ademais dos servizos de apoio propios do Concello, o Ministerio de Igualdad ven de difundir unha “Guía de actuación para mulleres que estean sufrindo violencia de xénero en situación de permanencia domiciliaria do estado de alarma por COVID 19” (o enlace de descarga desta Guía ven ó final desta noticia) e cun cartel informativo, que veñen de poñer á disposición dos Concellos para a súa difusión entre a poboación.

Neste senso, é necesario resaltar que existen teléfonos directos que seguen funcionando con normalidade a pesar da crise do coronavirus, o 016 e o 900 400 273, operativos as 24 horas do día e destinados ás vítimas de violencia de xénero, para que poidan denunciar con seguridade posibles agresións e situacións de conflito, nestes momentos de especial confinamento domiciliario. A través destes teléfonos, proporcionase información xeral e asesoramento en cada caso concreto, que inclúe tamén o servizo de asesoría xurídica, así como apoio psicolóxico.

 Guía Violencia Xénero Covid19