TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 25 DE ABRIL DE 2024 - VOLTA E DALLE TEATRO con FALAR POR FALAR

O 25 de abril ás 20:15 h e no Edificio Multiusos o Concello de Monforte programa unha nova cita co teatro para adultos no primeiro semestre de 2024 dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia.

A compañía VOLTA E DALLE TEATRO presenta FALAR POR FALAR, obra escrita e dirixida por Carlos Santiago e interpretada por Carlos Santiago e Victor Mosqueira.

Todo indica que o futuro da lingua galega é incerto. Malia os niveis de protección legal do idioma, e case dous séculos de rexurdimento civil e literario, o descenso de falantes é evidente, con grande incidencia nas novas xeracións de galegas e galegos. Pero alén e aquén das análises socio-lingüísticas, a lingua segue viva e reclama o seu lugar natural nas nosas vidas. Atravesada por conflitos de longa data e certamente mareada polos avatares da política, a lingua espera sempre por nós nalgún punto do camiño. Moita xente mamouna no berce, outra demorou en romper a falala, e hai quen nunca a falou nin nunca a falará. Por iso "Falar por Falar" proponnos un achegamento á realidade da lingua, desde a propia vivencia dos falantes e os non falantes.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.