Monforte, Tui e Ribadavia promocionan o seu pasado xudeu común no stand de Galicia en Fitur

Monforte de Lemos, 22 de xaneiro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou hoxe nun acto no Stand de Galicia en Fitur no que a cidade do Cabe foi protagonista xunto ás outras dúas cidades galegas que forman parte da Rede de Xuderías de España, Ribadavia e Tui. A cidade de Tui, incorporouse o pasado ano á Rede, “xogando Monforte un papel importante nesta incorporación”, tal e como destacou Tomé Roca no inicio da súa intervención. O rexedor monfortino estivo acompañado ademais pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón.

Deste xeito, hoxe ás 18:30 horas tivo lugar dito acto promocional, e foi presentado pola Directora Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, e no que cada un dos representantes das tres cidades galegas tivo o seu tempo para defender e resaltar o valor que cada cidade ten en torno á súa herdanza sefardí e dar a coñecer ó visitante a impronta que a comunidade xudía deixou, a nivel artístico e cultural, naquelas.

En concreto, o Alcalde de Monforte, iniciou a súa intervención resaltando que “o noso obxectivo é poñer en valor o noso pasado xudeu que temos en común, que supón un importante influxo cultural que chega ata os nosos días e tamén un potencial turístico moi importante. É para min unha enorme satisfacción poder mostrar hoxe no Stand de Galicia en FITUR, unha pequena mostra da importancia e a pegada que a cultura xudía deixou ao longo dos séculos na cidade de Monforte”.

O rexedor monfortino explicou que os membros da Rede de Xudería “actuamos de forma conxunta en defensa do patrimonio histórico e do legado xudeu, promovendo proxectos culturais, turísticos, académicos e realizando unha política de intercambio de experiencias nacionais e internacionais que contribúan ao coñecemento e respecto mutuo dos pobos, das culturas e das tradicións”.

Por iso, o Equipo de Goberno de Monforte, potencia e destaca o pasado sefardí da cidade, coa promoción de iniciativas que axuden a potenciar os recursos culturais relacionados con dito pasado. “En definitiva”, salientou o Alcalde  “estamos ante unha historia oculta moito tempo, desvelada logo de 500 anos e agora recuperada, defendendo o legado xudeu, que é fundamental para o enriquecemento da nosa cultura e a potenciación da nosa oferta turística”.

Antes de rematar a súa intervención José Tomé Roca desvelou que para esta presentación dende o Concello se elaborou un vídeo promocional, de dous minutos e medio, que se proxectou no stand de Galicia logo de rematar o seu discurso, “un vídeo que é un exemplo claro da pervivencia da cultura xudía na cidade de Monforte dende a época dos Reis Católicos ata os nosos días” e que ten por obxectivo animar ós que o vexan a visitar a cidade do Cabe e descubrir a súa importante pegada sefardí.