O Alcalde de Monforte informa das novas condicións de uso das Pistas Municipais de Atletismo, dentro da Nova Normalidade ante o COVID-19

Monforte de Lemos, 19 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar un decreto onde se establecen as novas condicións de uso das Pistas Municipais de Atletismo “Saleta Fernández López”, de acordo cos criterios establecidos polas autoridades sanitarias, unha vez superada a Fase III do Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade.

Por Decreto de Alcaldía do 20 de maio de 2020 dispúxose a reapertura das Pistas Municipais de Atletismo de Monforte con efectos do 25 de maio de 2020, pistas que foran pechadas por mor do COVID-19 o pasado 13 de marzo. Esta reapertura levouse a cabo tendo en conta as condicións establecidas na Orde/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara unha nova normalidade.

O pasado 13 de xuño, no DOG nº 115, publicouse a resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a Fase III do Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade. No seu anexo “Medidas de Prevención 3.32”, regulase a apertura de parques e zonas deportivas de uso público ó aire libre entre as que se atopa a Pista de Atletismo Saleta Fernández López de Monforte.

En base a estas novas indicacións das autoridades sanitarias, mediante Decreto de Alcaldía, estableceuse a modificación das condicións de apertura establecidas no Decreto de Alcaldía do 20 de maio de 2020, entrando en vigor as que a continuación se relacionan con efectos do día 18 de xuño do 2020:

  1. Poderá acceder á instalación calquera cidadán que desexe realizar unha práctica deportiva, incluídos os deportistas de alto nivel, de alto rendemento, profesionais, federados, árbitros ou xuíces e persoal técnico federativo.
  2. A actividade deportiva non requirirá a concertación de cita previa coa entidade xestora da instalación (Concello de Monforte), senón que poderá utilizarse de xeito libre.
  3. A instalación abrirá de luns a venres non festivos entre as 9:00 e as 21:00 h.
  4. Na instalación deportiva permitirase tanto a práctica de actividade física e deportiva federada como non federada.
  5. A práctica de actividade física e deportiva, ó aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de 25 persoas de forma simultánea.
  6. Con carácter xeral, non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, garantirase a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.
  7. Antes de entrar e ao saír da instalación, deberán limparse as mans con xel desinfectante dispoñible na instalación.
  8. Os técnicos, monitores ou adestradores deberán manter a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros ou, na súa falta, utilizar máscara.
  9. Utilizarase máscara durante o tempo de circulación entre espazos comúns e na entrada e saída á instalación, salvo que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal.
  10. Para controlar os accesos delimitarase unha zona de entrada e unha zona de saída perfectamente diferenciadas.
  11. Non se permite a utilización de baños nin vestiarios. Os deportistas deberán acceder coa roupa deportiva da casa.