O Concello de Monforte pon en marcha un servizo de impresión de materiais escolares para estudantes empadroados na cidade

Monforte de Lemos, 7 de abril de 2020. O pasado 14 de marzo, dende a Presidencia do Goberno de España, ditouse o Real Decreto 463/2020, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria xerada polo COVID-19. Unha das consecuencias deste decreto foi a suspensión de toda actividade escolar de carácter presencial.

Ante esta nova situación, dende os diferentes centros educativos artelláronse, a través de sistemas telemáticos, diferentes fórmulas docentes co obxectivo de que os alumnos e alumnas puideran continuar, dende os seus fogares, coa súa formación académica.

Deste xeito, os diferentes contidos educativos ideados polos equipos docentes para os seus alumnos durante este confinamento por mor do Coronavirus, estanlles sendo remitidos mediante arquivos telemáticos, a través do correo electrónico ou a través de portais e plataformas dende as que se poden baixar ditos materiais formativos.

En moitos casos, xurde a necesidade entre os estudantes, de que ditos arquivos telemáticos poidan ser transformados en papel, co obxectivo de traballar con eles dunha maneira máis cómoda, facilitando así a súa aprendizaxe.

Neste senso, nos pasados días, tal e como sinala o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, “foi remitido un escrito á Alcaldía no que se manifestaba a falta de medios de impresión deste tipo de documentos por parte do colectivo estudantes do noso municipio”.

Detectada esta nova necesidade derivada do estado de alarma polo COVID-19, “dende o Equipo de Goberno do Concello, como ben sendo habitual dende o inicio da crise, apoiamos a todos os nosos cidadáns e colectivos, poñendo á súa disposición todos os medios cos que conta o Concello para tratar de minimizar as consecuencias derivadas da crise sanitaria que estamos a padecer”, indicou o rexedor monfortino.

Deste xeito, onte martes 6 de abril, o Alcalde de Monforte asinou un decreto mediante o cal se posibilita a impresión de documentos educativos a  todos os/as estudantes que estean empadroados/as na cidade. Tanto a recepción de documentos, como a impresión dos mesmos e a posterior entrega ás persoas que os enviaron será coordinada dende o Departamento de Servizos á Cidadanía do Concello.

Para poder utilizar este servizo de impresión, os demandantes deste servizo deberán enviar un correo electrónico á dirección impresioncidadania@concellodemonforte.com.  A este correo, ademais de enviar os documentos que desexen imprimir, tamén deberán indicar os seus datos persoais (nome e apelidos, DNI, dirección) e un número de teléfono para que, unha vez impresos os documentos, poidan poñerse dende o Concello en contacto con cada demandante, ben a través do teléfono de contacto ou ben a través do propio correo electrónico do solicitante, para concretar a cita da recollida das impresións levadas a cabo.

“Dende o Concello de Monforte”, resalta o Alcalde, “poñemos a disposición de todos os nosos escolares e estudantes este servizo de impresión de contidos educativos, para todos aqueles que precisen este material formativo en papel e non poidan afrontar a súa impresión nestes momentos de crise”.

“Neste senso, moitos destes documentos impresos, en condicións normais, eran proporcionados polos centros educativos ós seus alumnos, pero ante a imposibilidade de poder facelo debido á situación de confinamento e de peche de espazos educativos derivado do COVID-19, dende o Concello decidimos poñer en marcha este servizo para que todos os estudantes de Monforte continúen a ter acceso ós documentos educativos que lles sexan imprescindibles para poder continuar axeitadamente coa súa formación e a súa actividade lectiva”, explicou o rexedor municipal.

 DECRETO IMPRESIÓN DE DOCUMENTOS ESTUDANTES MONFORTE