O Concello informa do corte do carril dereito da rúa Hortas por actuacións de mellora no saneamento

Monforte de Lemos, 19 de novembro de 2021. O Concello de Monforte informa de que dende hoxe, día 19, e ata o vindeiro venres 26 de novembro, o carril dereito de circulación de vehículos da rúa Hortas permanecerá cortado por obras de mellora na rede de saneamento.

En concreto, nos pasados días, levouse a cabo unha cata na rúa Hortas, á altura da tenda de Phone House, a través da cal o Concello detectou que no tramo da avenida de Galicia entre o río Cabe e a rúa Hortas, o colector de saneamento municipal estaba sen conectar á rede xeral, un problema que existía dende fai moitos anos, posiblemente dende a época de construción do edificio pegado ó río no que se ubica a tenda Carlín.

Esta anomalía non foi determinada ata a realización da mencionada cata, debido a que nese edificio só está ocupada unha vivenda e o baixo, emitindo polo tanto poucos residuos ó colector de saneamento. Esta situación viña obrigando á empresa concesionaria do servizo a limpar o colector cun camión de aspiración de maneira reiterada cada certo tempo porque non se coñecía o problema que agora se detectou, na crenza de que se producía algún tipo de atascamento e non que o colector non estaba conectado á rede xeral, o que sen dúbida evidencia un fallo na dirección das obras realizadas nesa etapa.

Deste xeito, co obxectivo de levar a cabo as actuacións necesarias que permitan conectar dito colector da rúa Hortas á rede xeral de saneamento e subsanar así o problema detectado, procederase ó corte do carril dereito de circulación dos vehículos da rúa Hortas ata o vindeiro 26 de novembro, para que a empresa Aqualia leve a cabo dita conexión.

Dende o Concello agradecemos a comprensión dos veciños e condutores ante este corte de tráfico e rogamos desculpen as molestias que estes traballos poidan ocasionar.