O Alcalde informa do inicio da actuación de mellora do firme da rúa Incio, na que inviste 28.500€

Monforte de Lemos, 7 de xullo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do inicio das obras de mellora do firme doutra das rúas incluídas no plan desenvolto polo Equipo de Goberno para rúas de titularidade municipal, en concreto, trátase da rúa Incio.

As actuacións enmárcanse dentro do proxecto de obras de mellora en 13 vías de  urbanas e rurais que deu a coñecer hai unhas semanas o Alcalde, e que contan cun investimento total próximo ós 300.000€ (297.800,63 €.).

José Tomé Roca, destaca que “iniciamos así neste novo mandato o desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende o principio do meu mandato, e non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos”.

“Deste xeito” engadiu o Alcalde, “o Equipo de Goberno deste Concello segue a desenvolver actuacións para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai 8 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.

Melloras da rúa Incio

A rúa Incio presenta un firme que aconsella unha actuación completa de renovación do mesmo, sendo necesario proceder ó fresado dos entronques iniciais e finais de dita vía, previamente á colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente. Ademais, procedese tamén á apertura da caixa e rechear con zahorra compactada.

O asfaltado do firme farase con aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor e tamén se realizará o recalce das tapas de rexistro.

Ademais nesta rúa, procederase ó pintado de marcas viais incluídos símbolos e cebreados con pintura reflexiva e microesferas de vidro.

Trátase, polo tanto, dunha renovación completa do pavimento de 210 metros lineais, e o orzamento destinado a esta actuación supera os 28.5000 euros (28.584,45€).

O rexedor monfortino resalta que “isto supón a continuidade do desenvolvemento dun ambicioso programa de melloras de infraestruturas urbanas e da rede viaria da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas e que veño de renovar tras o respaldo acadado nas recentes eleccións municipais, e no que non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos.”