O Alcalde anuncia o inicio dos paseos en barca polo Cabe, que se ofertarán dende o sábado e ata o 30 de setembro

Monforte de Lemos, 29 de xuño de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar o inicio da nova tempada dos tradicionais paseos en barca polo río Cabe, “unha actividade que conta con moita aceptación tanto entre os monfortinos e sobre todo, nas persoas que nos visitan durante estes meses de verán”.

Deste xeito, dende este sábado 1 de xullo ó 30 de setembro de 2023 o río Cabe será escenario dunha interesante e ó mesmo tempo divertida e refrescante proposta no verán da cidade, unha actividade que está organizada polo Concello de Monforte de Lemos coa colaboración da Deputación de Lugo e o Clube de Piragüismo Quixós.

O Alcalde salienta que “dende o Equipo de Goberno apostamos ano a ano por esta actividade, porque é unha tradición que mantemos no Concello dende hai anos, e que permite gozar dunha perspectiva diferente da nosa cidade e que soamente é posible ter dende o río”.

 “Os paseos en barca polo río Cabe”, continúa o Alcalde, “xa son durante os meses de verán un referente na programación cultural da cidade e un grande foco de atracción para a poboación local e para moitas persoas que nos visitan nesta época”.

Esta actividade está organizada polo Concello de Monforte de Lemos coa colaboración da Deputación de Lugo-Plan Único de Cooperación cos Concello e o Clube de Piragüismo Quixós. Este Clube encárgase da xestión desta actividade, tanto do mantemento e condución das barcas como dos cobros e atención ós pasaxeiros.

Como é tradición, o punto de inicio dos percorridos é o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo, dunha duración de media hora, custará 3,25 euros, como en anos anteriores.

Estas travesías en barca poderán facerse, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, nos seguintes horarios:

  • Luns a venres, entre as 18:00 e as 22:00 horas
  • Sábados, domingos e festivos: tamén en horario de mañá desde as 11:00 e ata as 14:00 horas e pola tarde de 18:00 a 22:00 horas.

“Hai diversos aspectos que contribúen a que este evento sexa moi significativo dentro da actividades culturais de verán en Monforte: a súa relevancia na recuperación do río Cabe e o seu contorno como elemento patrimonial de primeira orde en Monforte, o seu papel de acontecemento dinamizador de actividade a carón do río e o fomento que a actividade supón para manter vivo en xeracións de todas as idades o amor pola rica tradición fluvial local en particular e galega en xeral”, conclúe o Alcalde.

 

Normas de seguridade dos paseos en barca

  • A capacidade máxima das barcas será determinada polo encargado do servizo.
  • Os usuarios contarán con chalecos salvavidas, se son solicitados .
  • Seguirase en todo momento as instrucións do persoal encargado da actividade.