O Alcalde inaugura as actividades do programa Xunt@s da Deputación en Monforte, no que participaron máis de 70 persoas

Monforte de Lemos, 10 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este mércores en Monforte de Lemos a conferencia Promoción da saúde e proxecto de vida  no marco do programa Xunt@s que a Deputación provincial de Lugo está desenvolvendo nos concellos da provincia dende principios de ano. Unha charla á que asistiron unhas 70 personas e que impartiron os doutores da Real Academia de Medicina de Galicia José Luis Rodríguez-Villamil, xeriatra, Rosendo Bugarín, médico de familia e comunitario, e Francisco Martelo Villar, Presidente de la Real Academia de Medicina de Galicia.

Ademais, asistiron diversos membros do Equipo de Goberno, como a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros de Servizos, José Luis Losada, Muller e Igualdade, Margarita López, Consumo, Regina López, ou o Voceiro do grupo municipal socialista, Iván Torres,

José Tomé salientou o éxito deste programa de actividades gratuítas de lecer e  formación que percorrerá ata o mes de xuño 25 concellos lucenses. “Xa participaron 1.000 veciños e veciñas da provincia, o que nos dá boa mostra de que funciona e de que estamos dando resposta ás necesidades e intereses que ten a nosa poboación”, subliñou. A iniciativa, explicou, busca favorecer o envellecemento activo, enriquecer a oferta de ocio e cultural dos concellos, e mellorar a calidade de vida e benestar da veciñanza, o que contribúe a fixar poboación.

“O programa Xunt@s, e o traballo que fai a Real Academia de Medicina de Galicia, son un bo exemplo de como cambiou a forma de concibir a atención sanitaria e o propio envellecemento. A saúde non consiste só en tratar as enfermidades, senón en actuar para previlas, en potenciar os hábitos saudables, no exercicio, na boa nutrición ou o lecer activo”, salientou ao inicio da conferencia celebrada hoxe no Centro Cívico de Monforte.

O mandatario municipal e provincial afondou en que “as mellores condicións de vida fixeron que a esperanza de vida se fose alongando. Vivimos máis tempo, e debemos procurar que sexa tempo con calidade de vida. Con este compromiso traballamos cada día dende o Concello de Monforte, e tamén dende a Deputación de Lugo, para proporcionar servizos públicos de calidade que favorecen o benestar das persoas. Como se adoita dicir: darlle anos á vida e vida aos anos”.

Nas súas palabras fixo unha defensa da sanidade pública, gratuíta, de calidade e universal. “Unha sanidade que chegue por igual a todos e todas os veciños, vivan no urbano ou no rural, porque, se os centros de saúde ou os hospitais non teñen o persoal que necesitan, sofre a saúde das persoas e sofre a saúde do persoal sanitario, obrigado a traballar cun sobresforzo permanente”.

A Deputación destina un total de 91.000€ ao programa Xunt@s que está organizado da man dos concellos, consiste nunha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas, que se celebrarán ata xuño por toda a provincia, e que teñen que ver coa saúde, co deporte ou coas novas tecnoloxías.

Tras o acto, os asistentes recibiron un tensiómetro, por cortesía da Deputación provincial de Lugo.