O Alcalde informa do levantamento do precinto ó local nº 18 da rúa Duquesa de Alba este xoves 14

Monforte de Lemos, 12 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que este xoves 14 de marzo o Concello levantará o precinto do local de hostalería situado na rúa Duquesa de Alba, concretamente os locais 1 e 2 do número 18, tras cumprir este período de peche de 2 meses co que foi sancionado debido a acumulación de denuncias durante os anos 2022 e 2023, por incumprimentos nos horarios de peche establecidos pola lei. A sanción imposta tamén conlevou unha multa por importe de 301 euros.

Cabe recordar que o pasado mes de xaneiro a Xunta de Goberno local aprobou pechar cautelarmente este establecemento, porque durante os anos 2022 e 2023 a este local lle foron tramitadas diversas denuncias todas elas por incumprimentos dos horarios de peche establecidos.

A Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, sinala que  denuncias deste tipo supoñen unha infracción grave, e que esta conleva adoptar a medida provisional, previa o inicio de expediente sancionador, de peche cautelar e precinto do devandito local, o cal se fixo efectivo en xaneiro.

Tras o peche, e transcorridos os dous meses de sanción, o vindeiro xoves 14 de marzo, procederase ó levantamento do precinto do citado local.

As denuncias acumuladas durante os anos 2022 e 2023 ó citado local da rúa Duquesa de Monforte, foron por infrinxir a norma horaria establecida pola Orde do 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas na Comunidade Autónoma de Galicia (DOGA nº 219 de 30/10/2020), para a actividade de café-concerto. Trátase polo tanto de infraccións graves tipificadas no artigo 33, apartado d) da Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

Tras esta resolución, o Concello seguirá vixiante para que se cumpra estaa normativa que regula o funcionamento deste tipo de locais de ocio nocturno, marcada pola Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.