O Alcalde participa en FITUR na presentación da asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago

Monforte de Lemos, 26 de xaneiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou, dentro da axenda institucional que desenvolve estes días na Feira Internacional de Turismo (FITUR), na presentación da asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago que tivo lugar no stand da Xunta.

No acto, o presidente da Asociación avanzou algunhas das iniciativas relacionadas co Camiño de Inverno que se anunciarán proximamente, e nas que o Concello de Monforte colabora activamente como membro de dita asociación.

A asociación segue a traballar na promoción, mellora e difusión do Camiño de Inverno, e xa iniciou a súa folla de ruta de cara ó próximo Ano Santo Xacobeo, que terá lugar no ano 2027. Neste senso, José Tomé, destacou “a importancia de traballar unidos e baixo o obxectivo común da difusión  desta ruta xacobea, que supón un incentivo promocional máis dentro da oferta turística de Monforte e da Ribeira Sacra”.