O Alcalde recibe a alumnos e alumnas de diferentes Escolas Oficiais de Idiomas de España, de intercambio de estudos en Monforte

Monforte de Lemos, 11 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu na Casa do Concello a alumnos e alumnas de diferentes Escolas Oficiais de Idiomas de distintos puntos de España que están de intercambio de estudos en Monforte, dentro do Proxecto de Agrupación de Centros Educativos da Escola Oficial de Idiomas de Monforte de Lemos.

O Alcalde, recibiu así no Salón de Plenos da Casa Consistorial, a 25 alumnos e alumnas provintes das Escolas Oficiais de Idiomas de Avilés (Asturias), Dos Hermanas (Sevilla) e Alcalá de Henares (Madrid).

José Tomé estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e as profesoras da Escola Oficial de Monforte, Rosa Quiroga e Vanesa Rodríguez.

O Alcalde fixo un breve esbozo ós asistentes da historia da cidade, destacando o valor dos seus personaxes máis senlleiros coma o VII Conde de Lemos ou o Cardenal Rodrigo de Castro, e tamén resaltou os principais elementos patrimoniais e artísticos da cidade como o Conxunto Monumental de San Vicente, o Casco histórico, o Museo das Clarisas, os Escolapios ou o Miradoiro do Duque, nos canóns do Sil da Ribeira Sacra.

O acto rematou coa entrega por parte do Alcalde a cada un dos alumnos e alumnas que acudiron ó Concello de Monforte dun agasallo institucional, consistente nunha bolsa de tela oficial que leva impresas fotografías dos principais recursos turísticos da cidade, a Guía turística oficial do Concello, o plano-rueiro da cidade e a Guía da Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte, que recolle todos os aspectos que rodean ó Camiño de Inverno a Santiago.