O Concello de Monforte celebrará unha nova edición do Concurso dos Maios, o mércores día 8

Monforte de Lemos, 16 de abril de 2024. O vindeiro mércores 8 de maio o Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de Os Maios. Para elo, a concentración dos Maios e a lectura das coplas será na praza de España ás 17:30 h.

Destaca o Alcalde, José Tomé Roca, que “este ano haberá premios a cada un dos concursantes na celebración dos Maios 2024, 75€ por participante. Queremos animar así á participación e que todos os que formen parte desta festa tradicional leven un merecido premio”.

As solicitudes para a inscrición no concurso non competitivo dos maios, así como das coplas, deberán presentarse para a súa participación no Rexistro Xeral do Concello de Monforte. O último día de presentación das mesmas será o 7 de maio antes das 14:00 h.

 

Bases

Poderán participar no Concurso tódolos monfortinos que o desexen, e o tema tratará sobre calquera tipo de Maio.

Os Maios sairán o 8 de maio a percorrer as rúas da cidade libremente e xuntaranse na Praza de España ás 17:30 horas, onde se interpretarán as coplas.

O xurado valorará a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados. O xurado do concurso estará composto pola Concelleira de  Cultura ou persoa á que designe, e por persoas de diferentes ámbitos sociais, educativos e culturais de Monforte de Lemos.

Os premios serán por participación e terán todos unha contía de 75€. Os aboamentos dos premios serán tramitados polo Concello de Monforte de Lemos, a través dunha transferencia bancaria. Previamente será necesario a presentación do certificado bancario cun número da conta do titular. Non poderá realizarse o pagamento do premio mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

 

Bases Os Maios Monforte 2024