O Enterro da Sardiña pecha un exitoso e multitudinario programa de Entroido do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 14 de febreiro de 2024. Hoxe mércores tivo lugar o Enterro da Sardiña, poñendo fin ós actos do Entroido de Monforte neste ano 2024. Como é tradición, a Cofradía do Santo Enterro da Sardiña saíu da praza de España ás 8 da tarde, percorrendo as rúas Cardenal, avenida de Galicia, Ponte nova, praza de Santo Antonio e Concello.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno, participoi no percorrido polas rúas monfortinas e recibiu á comitiva do Enterro diante da fachada do Concello, onde lle foron entregadas as coplas cantadas nesta edición.

Tras a leitura e cánticos das coplas, ante o numeroso público que participou nesta edición, a comitiva desprazouse ata a Ponte Vella onde a sardiña foi ceibada no río Cabe.

Chega agora o tempo de Dona Cuaresma!