O Concello de Monforte inicia o reparto de 70.000 mascarillas sanitarias a todos os monfortinos censados

Monforte de Lemos, 27 de abril de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, coordinou na mañá de hoxe a posta en marcha do operativo mediante o cal se repartirán nos vindeiros días, tanto na cidade de Monforte como nas parroquias que pertencen a este Concello, as 70.000 primeiras mascarillas sanitarias, co obxectivo de facilitar novas medidas de prevención e contención do Covid-19 ós veciños.

Deste xeito, e tal e como estaba previsto, ás 8:30 horas tivo lugar unha reunión no Casa Consistorial na que participaron membros do Equipo de Goberno, do Servizo de Atención á Cidadanía e o equipo encargado de levar a cabo este reparto, integrado por empregados públicos municipais.

Esta reunión serviu para dar a coñecer ás instrucións a seguir por parte do equipo de reparto á hora de entregar as correspondentes mascarillas á cidadanía.

Aínda que inicialmente valorouse comezar o reparto seguindo a orde alfabética das rúas, finalmente decidiuse levar a cabo un reparto por zonas estratéxicas da cidade, coa finalidade de conseguir un reparto máis efectivo e rápido. Deste xeito, asignouse a cada traballador municipal encargado do reparto un número de rúas e habitantes concreto, seguindo criterios de proximidade zonal entre rúas e abarcando así de modo simultáneo todas as zonas da cidade así como as parroquias.

O protocolo previo á entrega de 3 mascarillas asignadas a cada persoa censada contempla unha comprobación inicial por domicilio dos datos de cada veciño a fin de confirmar a súa inclusión no Padrón Municipal.

Unha vez entregadas as mascarillas correspondentes, gardando as medidas de seguridade e distancia, levarase a cabo un control de entrega de ditas mascarillas, a fin de rexistrar a quen se lle entregan en cada caso.

Nesta xuntanza, cada persoa encargada do reparto, foi dotada de diversas medidas de protección necesarias para non poñer en risco nin a súa saúde nin a da cidadanía. A tal efecto,  os equipos de protección (EPI’s) entregados están compostos de buzos, mascarillas homologadas, pantallas faciais de protección, luvas e solución hidroalcohólica.

 


Kit de reparto e mascarillas

Toda vez concluída a reunión de coordinación, ás 9:30 horas deu comezo o operativo de reparto por diferentes rúas da cidade, atendendo a criterios zonais e de proximidade entre rúas, así como nas parroquias do Concello. O reparto de mascarillas faise en horario de 9:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

Dende o Concello, prégase a colaboración da cidadanía para que a entrega sexa nas debidas condicións, en beneficio da saúde tanto dos traballadores, ós que se lle agradece a súa colaboración, como da dos propios veciños e veciñas.

A esta partida de 70.000 unidades que xa se están a repartir hai que engadir a adquisición dun novo pedido de 100.000 mascarillas sanitarias para adultos así como a compra de 15.000 mascarillas sanitarias infantís, as cales se agarda cheguen nos vindeiros días.

“Con este operativo”, salientou o Alcalde, “dende o Concello de Monforte facemos un esforzo importante para facilitar ós monfortinos, na medida das nosas posibilidades, os recursos de protección tan necesarios nestes tempos, nos que a alta demanda de mascarillas sanitarias fai que moitos veciños e veciñas non poidan acceder a elas”.

“Da mesma forma, se fose necesario, o Concello tamén surtirá de mascarillas a empresas, asociacións ou sectores económicos que poidan ter necesidades puntuais para facilitar as súas actividades con normalidade”, engadiu o mandatario municipal.