TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 31 DE OUTUBRO DE 2019

O xoves 31 de outubro ás 20:15 h no Edificio Multiusos terá lugar a segunda cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios no segundo semestre de 2019 en Monforte de Lemos.

A compañía DE STE XEITO PRODUCIÓNS presenta RUNNING (unha suorenta comedia De Ste Xeito) obra composta e dirixida por Esther F. Carrodeguas e interpretada por Stephanie Llaryora e Sergio Macías.

Xulia e Román acaban de coñecerse e o primeiro watsapp non tarda en chegar: “Quedamos? Veña si! Pero cando?” Fillas e fillos de parellas anteriores. Nais divorciadas. Avós na residencia. Adolescentes co pavo. O pequeno coa crise dos 8. Os grandes coa dos 40, coa dos 50, coa dos 60. Clases de ioga para liberar o estrés, patinaxe artístico os luns, danza jazz os martes. E ser taxista. Das fillas, dos fillos, das fillas dos demais, do pai, da nai, da avoa, dos primos. E os deberes. Os deberes da escola e o resto de deberes. Deberes e obrigas. Coidar de todo e de todos menos dun mesmo. Como facer que as axendas cadren? E por outra banda: de verdade quero comezar algo novo que poida supoñer máis deberes e menos pensar nun mesmo?

Romeo e Xulieta tiñan as familias na contra dun amor prohibido. Xulia e Román aínda non saben se tanto se queren, pois as súas familias, as súas vidas, e os seus propios medos impiden brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morrer o amor eterno.