Actualidade

TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 23 DE ABRIL DE 2026 TEATRO GUIRIGAI con AMALIA Y EL RÍO, HISTORIA DE UNA ESTRAPERLISTA

O xoves 23 de abril ás 20:15 h e no Edificio Multiusos do Concello de Monforte rematan as representacións de teatro profesional adulto da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2026 na nosa cidade.

A compañía TEATRO GUIRIGAI representa AMALIA Y EL RÍO, HISTORIA DE UNA ESTRAPERLISTA obra escrita e dirixida por Agustín Iglesias, coa escenografía de Marcelino de Santiago Kukas, deseño de son e iluminación Félix Valverde, vestiario Luisa Santos, música Irma Catalina Álvarez e interpretada por Magda Gª-Arenal e Cándido Gómez.

Amalia y el río, historia de una estraperlista, obra baseada na historia real de Antonia La Lirina veciña de Olivenza (Badajoz), a historia sucede na fronteira entre España e Portugal do ano 1942 ata o 1964, antes de emigrar a Barcelona. 

Un anaco vivo das historias ocultas do contrabando en España protagonizado por unha muller forte, intelixente e sarcástica que pelexou por manter a súa dignidade e o seu dereito ó traballo nunha sociedade profundamente machista.

Cando Amalia volve o seu pobo sempre aparece o mesmo sono: eo río da súa xuventude, os gritos ameazantes de guardinhas e carabineros, mulleres cruzando as frías augas cargadas de vultos, as cancións da súa nai, a alegría da súa amiga Rosa, os segredos da Basilisa, a envexosa da súa sogra, a Pelá –que tantas veces a denunciou–, o simpático Chiribique…

Amalia conta a súa historia dende 1942 a 1964, cando xa viúva e con oito fillos emigra a Barcelona.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

TEATRO INFANTIL E FAMILIAR NO EDIFICIO MULTIUSOS /DOMINGO 26 DE ABRIL DE 2026 ÁS 18:00h, GALEATRO PRODUCIÓNS ESCÉNICAS presenta BERENGUELA NA GAIOLA

O domingo 26 de abril ás 18:00 h e no Edificio Multiusos terá lugar unha cita co teatro para público infantil e familiar dentro da programación da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia en Monforte de Lemos do 2026.

A compañía GALEATRO PRODUCIÓNS ESCÉNICAS presenta BERENGUELA NA GAIOLA, obra dirixida a un público a partir de 8 anos, baixo a autoría e a dirección de Paula Carballeira, a adaptación de Galeatro e Xarope Tulú, escenografía de Nicolás Zamorano e As dúas e punto, deseño de son Xavier Bértolo, deseño iluminación e vestiario As dúas e punto, música Xavier Bértolo e interpretada por Alba Bermúdez, Atenea García e Tone Martínez.

Berenguela na gaiola
Nunha residencia da terceira idade traen de volta á Berenguela, unha anciá que aproveita para fuxir en canto pode. Quere volver á súa casa na aldea, onde sempre viviu, onde é feliz. 

Berenguela protesta, rosma, funga, ata que a súa amiga Aurora consegue acougala. Aurora é outra anciá prisioneira, unha anciá que non lembra ben quen é, así que pode ser o que ela queira. Na mesma residencia está Tomás, que pasa o día mirando pola xanela, cismando nas súas cousas, triste e gris. 

Representando Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María, as tres anciás atoparán a liberdade que cren perdida e a posibilidade de cambiar o mundo.

Berenguela na gaiola é unha divertida e emotiva proposta para público familiar; unha coprodución de Galeatro e Xarope Tulú co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro de Carballo (FIOT) con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira. A peza foi gañadora do IV Certame Manuel María de Proxectos Teatrais en 2025.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para nenos, desempregados, xubilados e estudantes.