TEATRO na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, TEATREIRAS con PROS E CONTRAS sábado 26 de outubro ás 20:00 H

O salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá o sábado 26 de outubro unha representación teatral con entrada libre e gratuita. Representación que poñerá en escena o grupo monfortino de teatro “TEATREIRAS”.

O espectáculo, que leva por título “Pros e contras” da autora Tahiche Rodríguez Hernández é unha obra que encherá de bo teatro a Casa da Cultura de Monforte a partir das 20:00 horas. Esta obra teatral está incluida na programación do PROXECTO TEATRAL AFECCIONADO BUXIGANGA, da Deputación de Lugo.

É difícil asegurar ata onde nos pode levar a desesperación, o medo, o fracaso ou a impotencia. É dificil saber como reaccionaríamos se nos ocorrese, mais a vida leva a cada quen a reaccionar como pode. Ana é unha muller á que as circunstancias laborais e sociais a levan a tomar unha decisión certamente tráxica, que se verá condicionada pola intromisión das súas veciñas e doutros personaxes da historia. O percorrido da acción irá amosando varias maneiras de pensar e reaccionar ante o feito crucial e impactante dun desafiuzamento. A visión traxicómica da peza, amosa o lado mais cómico e esperanzador dos feitos cotiáns.

Teatreir@s, é un grupo de teatro que xurdíu hai case 20 anos no contexto das actividades de tempo libre para persoas maiores que se organizaban desde os Servizos Sociais do Concello de Monforte. Hoxe o grupo formado por 11 actores e actrices e baixo a dirección de Paqui Abeledo está constituido dentro dunha asociación de teatro afeccionado.