A Tenente de Alcalde entrega a copa do Campionato de España de Federacións Autonómicas de Pitch&Putt 2025 no que se proclamou vencedora a selección de Baleares

Monforte de Lemos, 5 de outubro de 2025. A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, entregou na mañá de hoxe a Copa do Campionato de España de Federacións Autonómicas de Pitch&Putt 2025, que se celebrou nas instalacións do Club Río Cabe de Monforte, os días 3, 4 e 5 de outubro. Organizado pola Real Federación Española de Golf, esta competición de Seleccións Autonómicas é a máis vistosa e emocionante do calendario nacional que organiza a Federación.

Durante tres xornadas enfrontou a 16 seleccións autonómicas que loitaron polo título de Campiona de España. En concreto, participaron seleccións de Castilla y León, Galicia, Asturias, Baleares, Andalucía, Cantabria, Castilla La Mancha, Navarra, Canarias, Aragón, La Rioja, País Vasco, Madrid, Comunidad Valenciana, Murcia e Extremadura. Cada comunidade competiu con  equipos de 4 xogadores xunto cun capitán e un adestrador, polo que reuniu a preto de un centenar de participantes que acudiron acompañados por familiares e amigos.

O venres 4 de outubro desenvolveuse a xornada de adestramentos oficiais e o sábado disputáronse dúas roldas eliminatorias (cuartos de final e semifinais). Xa na mañá deste domingo xogáronse as probas finais, seguida da cerimonia de entrega de premios.

Baleares proclamouse vencedora, seguida que Canarias que acadou a segunda posición. Castilla y León e Andalucía quedaron en 3º e 4º posto, respectivamente. Séguenlle Comunidade Valenciana (5ª) e Madrid (6ª). A selección galega conseguir situarse no 7º lugar, e a continuación posicionáronse, nesta orde, Murcia, Cantabria, Castilla La Mancha, La Rioja, Asturias, Aragón, Navarra, Pais Vasco e Extremadura.

 

Entrega do trofeo

Na entrega do trofeo, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Golf, Mario Covelo López; Juan Redondo, vocal do Comité de Pitch&Putt da Real Federación Española de Golf; ⁠Marcos Gómez, presidente do Comité de P&P da Federación Galega de Golf; ⁠José Ángel Pérez Reñones, presidente do Club de Golf Río Cabe; Diego Portela, presidente do Comité de Árbitros da Federación Galega de Golf e árbitro principal da proba, e ⁠Alberto Pérez , xerente do Club de Golf Río Cabe.

 

Os 64 mellores xogadores de España

Monforte recibiu para este campionato nacional a 64 dos mellores xogadores de España nesta disciplina, que viñeron acompañados por familiares e amigos, polo que a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, destacou na súa intervención “o importante impacto no noso sector hostaleiro e de restauración, xa que converteuse nunha ocasión excepcional para dar a coñecer o valor turístico, patrimonial e gastronómico da nosa zona, sendo sen dúbida, un reclamo promocional para todo o sur da nosa provincia”.

Monforte xa acolleu en maio de 2024 o Campionato de España individual masculino de Pitch&Putt, que foi todo un éxito, polo que acoller novamente aos mellores golfistas nesta modalidade na cidade supón un orgullo para a cidade: “Que a Real Federación Española de Golf apostara, por segundo ano consecutivo polo campo de golf de Río Cabe e pola cidade de Monforte, como sedes dunha competición de tan alto nivel, que indica que se fan as cousas ben”, salientou Gloria Prada en nome do Alcalde de Monforte, José Tomé, que desculpou a súa ausencia por cuestións de axenda na súa condición de Presidente da Deputación de Lugo.

O Presidente da Federación Galega de Golf agradeceu ao Concello de Monforte o apoio aportado, así como ao Club de Golf Río Cabe pola organización do evento, e manifestou estar encantado coa celebración do Campionato na cidade.

 

O campo de golf de Monforte

O campo de golf da Sociedade Deportiva Río Cabe atópase situado en Ribas Altas, en Monforte de Lemos. Este campo Pitch&Putt é practicamente plano, moi nobre de xogar.

Ten árbores próximas ás rúas dos ocos e lagos en lugares estratéxicos para dificultar o xogo. Os bunkers non son complicados e os greens son en xeral amplos e con caídas.

O campo está situado sobre un meandro do río Cabe. Os 18 ocos do percorrido enmárcanse nunha paraxe natural de flora e fauna autóctona.

A Tenente de Alcalde quixo reafirmar a calidade desta instalación e a ocasión única que supón que Monforte fora sede desta importante competición a nivel nacional “co impacto económico e de promoción dos recursos turísticos, patrimoniais e gastronómicos que conleva”.