Monforte de Lemos, 8 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou esta semana as actas de replanteo e inicio de obra dun total de cinco proxectos que afectan ao viario municipal e á estética da cidade e que traerán consigo unha mellora significativa nestes espazos públicos. Son cinco actuacións que suman unha inversión de arredor de 400.000 euros e que comezarán nos próximos días.
En concreto, trátase dos traballos de renovación do firme da rúa Ourense, da mellora da pavimentación en varios camiños municipais de Ribas Altas, Sindrán e A Candeda, e da substitución das pérgolas da Praza de Ponte Fontecha e rúa Reboredo.
Todas estas actuacións enmárcanse no programa de mellora de infraestruturas e equipamentos urbanos da cidade, “un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015”, salienta o Alcalde. No caso dos traballos de pavimentación, o rexedor destaca a importante renovación que se está facendo no viario municipal, mentres que a substitución das pérgolas ten que ver coa liña de mellora das infraestruturas e mobiliario urbano que, xunto co proxecto de reforma do Parque da Compañía, na que se inveisten mais de 272.000 euros, e o proxecto de urbanización da zona D, adxudicado por 420.000 euros e actualmente en obras, cambiarán a fisionomía do centro da cidade.
Rúa Ourense
Adxudicados á empresa Extraco por 91.657,50 euros e cun prazo de execución de 1 mes, estes traballos consisten no fresado completo da vía e na reposición da capa de rodadura ao longo de 620 metros lineais, cun ancho medio de 8,86 metros. Contemplan tamén a renovación da sinalización horizontal, co pintado de marcas viais, símbolos e cebreados. A superficie total de actuación é de 5.495 m2, entre o entronque coa Avenida de Galicia e a rúa do Río.
O Alcalde explica que a mellora do firme nesta vía “ven motivado polas eivas que desde o Concello detectamos en canto ó desgaste do seu pavimento nalgunhas zonas, que inciden negativamente nas condicións do tráfico”. Neste sensmo, lembra que a rúa Ourense “é unha das arterias de entrada e de saída de Monforte, polo que conta cun alto volume de tráfico e queremos mantela en bo estado”.
Vías municipais en Ribas Altas
Este proxecto adxudicouse á empresa Extraco por 144.055,34 euros e ten un prazo de execución de 1 mes. Os traballos desenvolveranse en varios viais na parte esquerda de Ribas Altas, entre a estrada provincial e o río Cabe, no entorno da área recreativa. En conxunto, suman unha lonxitude total de 1.895 metros, cun ancho medio de 4,30 metros e unha superficie de 8.160 m2. Ademais, a intervención contempla a mellora do acceso central desde a área recreativa ata a estrada provincial. Concretamente, ensancharase o primeiro tramo ata os 6 metros, e na parcela municipal colindante crearase unha zona verde con plantación de arboredo, céspede e colocación de mobiliario urbano, mellorando este espazo recreativo no que tamén se ubica o local social.
Neste caso, o Alcalde destaca a “necesidade dunha actuación completa” de renovación destas pistas xa que o firme atópase moi deteriorado. “O tempo que se leva sen actuar no firme, a presencia de auga nalgún punto e o elevado uso que teñen algunhas destas vías aconsellaban unha renovación”, indicou o rexedor.
Mellora de camiños en Sindrán e A Candeda
Esta actuación de mellora de camiños nos núcleos do rural adxudicouse por 87.412,66€ á empresa OPAGA003 SL, cun prazo de execución de 1 mes. As vías municipais incluídas neste proxecto suman un total de 4,735 km de lonxitude.
Segundo consta no proxecto, a proliferación de núcleos rurais e explotacións agropecuarias e forestais espalladas por todo o territorio municipal, fai que o tráfico, aínda que non moi elevado, sexa constante en moitas destas vías locais, con presenza especialmente de maquinaria agrícola e forestal de gran tonelaxe, o cal tradúcese na aparición de fochancas que van deteriorando o firme. Neste caso, as vías presentan firme asfáltico en mal estado de conservación, polo que se pretende rexenerar o firme.


Pérgolas na Praza Ponte Fontecha e rúa Reboredo
Os dous proxectos de execución de substitución das Pérgolas adxudicáronse á empresa Extraco S.A. por un importe que suma 64.180,65 euros e teñen un prazo de execución de 3 meses. No caso da Pérgola de Ponte Fontecha, a contía ascende a 44.608,43€, mentres que a intervención na rúa Reboredo ten un orzamento de 19.572,22€.
Ambos equipamentos municipais atopábanse nun mal estado de conservación, con pezas deterioradas e deficiencias nalgún dos apoios no pavimento.
A estrutura da Praza Ponte Fontecha consiste en cinco pérgolas formadas por piares e vigas de madeira pintada, todas de planta cadrada, aínda que con diferentes alturas, mentres que na rúa Reboredo son dúas pérgolas tamén de planta cadrada e diferentes dimensións. As actuacións a realizar consistirán na substitución das pérgolas existentes, por outras novas, coas mesas dimensións e instaladas na mesma ubicación.
Neste caso, serán de aceiro inoxidable e madeira, cos piares e vigas en aceiro inoxidable, un material mais duradeiro e de mellor conservación que as actuais. As vigas superiores serán en madeira, integradas no entorno, o que vai supoñer, en palabras do Alcalde, “unha mellora moi importante na estética da cidade, no centro mesmo de Monforte”.