O Concello organiza un Programa de formación sobre “Habilidades e competencias para o emprego” para conmemorar o Día da Muller Rural

Monforte de Lemos, 10 de outubro de 2025. Para conmemorar o Día da Muller Rural que se celebra todos os anos o 15 de outubro, o Concello de Monforte, a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), organiza un Programa de formación sobre habilidades e competencias para o emprego dirixido a mulleres. O curso ten carácter gratuíto e desenvolverase os días 15, 16 e 17 de outubro no salón de actos do Centro Cívico e Social (Paseo do Malecón s/n), en horario de 09.30 a 14.00 horas.

Enmarcada no programa ALICIA-Activando la Igualdad, a actividade lévase a cabo en colaboración coa Fundación Mujeres e ten por título “Habilidades e competencias para o emprego: adestra as túas competencias para encontrar emprego”.

O CIM ven colaborando con Fundación Mujeres dende o ano 2020 na realización de accións formativas dirixidas a mulleres de Monforte para mellorar a súa inserción laboral. Este ano, a formación dirixise a mulleres desempregadas ou en procura de mellora laboral, mozas sen experiencia, maiores de 45 anos, mulleres de familias monoparentais e mulleres residentes no rural.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca que “o noso obxectivo coa organización desta proposta formativa dende o CIM, é proporcionar ás mulleres os coñecementos e ferramentas para desenvolverse mellor no mercado de traballo”.

 

Aumentar a empregabilidade

Así, as participantes nestas xornadas formativas terán a oportunidade de coñecer e usar os recursos de procura de emprego, como son o currículum vítae, carta de presentación, entrevistas ou o uso da Internet. A través desta actividade, desenvolveranse nas alumnas actitudes e aptitudes para o seu autocoñecemento e xestión emocional, co fin de aumentar a súa empregabilidade e afrontar os diversos escenarios do mercado laboral. A formación aportará tamén competencias laborais nas alumnas que faciliten a súa inserción no mercado laboral para atopar, manter e desenvolverse nun posto de traballo.

 

Prazas limitadas

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición, polo que as  mulleres interesadas deberán anotarse no CIM ou no número de teléfono 982 416 350. Trala finalización do obradoiro recibirán un certificado de asistencia.