O Alcalde aproba conceder un total de 10.000 euros en axudas a deportistas individuais de Monforte na tempada 2024-2025

Monforte de Lemos, 13 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da aprobación na reunión da Xunta de Goberno deste luns, 13 de outubro, das bases reguladoras da convocatoria de concesión de bolsas a deportistas individuais de Monforte, na tempada 2024-2025.

O paso seguinte é a publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que se producirá nos vindeiros días. O prazo de presentación de solicitudes estenderase durante 10 días hábiles a contar desde o día seguinte á publicación no BOP.

Estas axudas económicas están dirixidas a aqueles deportistas individuais que, como mínimo, teñan participado no campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva durante o período obxecto da presente convocatoria. Concretamente, as persoas solicitantes poderán presentar, no marco desta convocatoria, os méritos deportivos conseguidos entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.

Terán a consideración de deporte de carácter individual todos aqueles deportes que, segundo a súa regulamentación, son practicados de xeito individual. Así, non se considerarán participacións individuais os relevos nin as probas coordinadas ou sincronizadas nas que actúe simultaneamente máis dun integrante do mesmo equipo.

A partida destinada a esta convocatoria é de 10.000 euros e o importe máximo da bolsa que se outorgará a cada un dos posibles beneficiarios é de 600 euros. Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca, pon en valor estas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega”.

 

Requisitos

Poden beneficiarse desta convocatoria os deportistas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Estar empadroados/as no Concello de Monforte de Lemos dentro do prazo de presentación de solicitudes e, como mínimo, dende o 1 de outubro de 2024.
  • Estar federados nalgunha das federacións deportivas galegas ou españolas no período para o que se solicita a axuda, é dicir, entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, e que como mínimo participaran no campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva.
  • Ter participado, como mínimo, en tres probas ou campionatos de carácter oficial, dos cales un deles ten que ser o campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva.
  • Estar ó corrente nas obrigas tributarias coa Facenda estatal e autonómica, así como estar ó corrente das obrigas coa Seguridade Social e co Concello de Monforte.
  • Que non estean incursos/as en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e non estar incursos/as nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.

 

Á hora de realizar a valoración teranse en conta os tres mellores resultados conseguidos en competicións oficiais segundo a táboa de valoración establecida, así como a convocatoria no período pola selección galega ou estatal. Enténdese por competicións oficiais as consideradas como tal pola Federación Deportiva correspondente ou pola Administración deportiva dentro do seu ámbito de competencias.

As instancias para participar neste concurso atoparanse a disposición dos interesados na páxina web municipal https://www.monfortedelemos.es/gl/axudas/, unha vez se publique o extracto no BOP.