O Alcalde anuncia a cesión dunha aula informatizada no Edificio Multiusos para acoller os exames teóricos do carné de conducir

Monforte de Lemos, 15 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores, 15 de outubro, a cesión á Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo unha aula informatizada no Edificio Multiusos destinada á realización das probas teóricas para a obtención de permisos de conducir. Con este fin, o rexedor asinou un convenio de colaboración co  Xefe Provincial de Tráfico, Alberto Rodríguez Fernández, nun acto que tivo lugar esta mesma mañá nas instalacións que acollerán os exames.

O rexedor explicou que coa cesión deste espazo á Xefatura Provincial de Tráfico, o Equipo de Goberno da resposta a unha demanda das autoescolas locais “que levaban un tempo trasladando a necesidade dunha aula informatizada para desenvolver estas probas e evitar que os aspirantes acabaran tendo que desprazarse a Lugo, co prexuízo que iso conlevaría”. De feito, engadiu, “Monforte convértese así no primeiro Concello de Lugo que dota un local con este equipamento para a realización do exame teórico de conducir, xa que actualmente só as instalacións da propia Xefatura Provincial de Tráfico en Lugo contan cun espazo informatizado”.

A cesión desta aula, apuntou Tomé, “supón un salto cualitativo na realización destas probas”, e detallou que “cando a Xefatura e as propias autoescolas, coas que mantivemos diversas reunións, nos trasladaron a necesidade de incorporar o formato telemático, este Alcalde non dubidou en dar o paso para poñer a súa disposición un local axeitado e nas mellores condicións para que as probas teóricas poidan facerse nas mesmas ou mellores condicións que se fan nas instalacións da Xefatura Provincial de Lugo”.

A aula dará cobertura a todas as autoescolas da zona sur da provincia de Lugo e estará operativa a partir de novembro, sendo o día 17 a primeira data sinalada nese mes para a realización de exames teóricos. O local estará a disposición única e exclusivamente da Xefatura Provincial de Tráfico para a realización das probas teóricas un mínimo de 2 días ao mes e, entre outras vantaxes, os aspirantes obterán so resultados en tan só dúas horas.

 

Equipamento

O local equipouse seguindo “e incluso mellorando”, indicou Tomé, os requerimentos expostos pola Xefatura Provincial tanto nos dispositivos como na conectividade a internet.

Así, o equipamento específico da aula consta de 20 ordenadores para os aspirantes con pantallas táctiles ‘todo-en-uno’ que serán de uso exclusivo da Dirección Xeral de Tráfico e 1 ordenador central para o examinador ou persoa encargada de xestionar a proba teórica, ver os resultados e supervisar que todo funciona correctamente.

“Falamos dunha inversión do Concello de 22.000 euros na adquisición e montaxe de equipos informáticos e todo o mobiliario necesario para a realización dos exames”, explicou o Alcalde. Concretamente, 15.000 euros corresponden ao gasto en ordenadores, 5.500 a mobiliario e 1.500 euros a montaxe.

A isto hai que sumarlle o aporte das propias instalacións do Edificio Multiusos no que se ubica a aula, que proporciona unha mellora moi importante en canto a confortabilidade “tanto para os examinadores como para as autoescolas e aspirantes, xa que teñen a súa disposición unhas instalacións accesibles para persoas con mobilidade reducida, climatizadas, con aseos tamén adaptados, limpeza e todas as comodidades”.

 

A mellor instalación da provincia de Lugo

Con esta cesión, destacou o Alcalde, “o Concello de Monforte convértese no primeiro da provincia de Lugo en poñer a disposición da Xefatura Provincial unha aula informatizada destas características e damos o paso definitivo para informatizar as probas teóricas e poñer en marcha en Monforte un modelo de exame que garante a calidade e seguridade xurídica de todo o proceso do exame”. En definitiva, engadiu, “unha mellora moi significativa para as autoescolas de Monforte, os aspirantes e os examinadores”.

Pola súa banda, o Xefe Provincial de Tráfico de Lugo, Alberto Rodríguez, agradeceu a inmediata dispoñibilidade do Concello de Monforte para ceder e dotar esta aula con todo o equipamento necesario. Destacou, ademais, a perfecta localización na que se atopa, próxima ao centro urbano e con zona de estacionamento. “A negociación foi moi sinxela, cando trasladamos a necesidade de contar cun local informatizado a resposta inmediata foi ‘si’ e o resultado e esta aula espectacular”, suliñou.