O Alcalde anuncia que por undécimo ano consecutivo non haberá subida de impostos municipais en Monforte

Monforte de Lemos, 20 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia que, por undécimo ano consecutivo, non haberá subida de taxas e impostos municipais en Monforte. Así o recolle a proposta de modificación de ordenanzas fiscais para os orzamentos do ano 2026, que será levada ao Pleno da Corporación Municipal na sesión ordinaria correspondente ao mes de outubro que se celebra o vindeiro luns 27.

No exercicio 2026 manterase a redución nun 50% da fiscalidade da ordenanza do Cemiterio por sepultura e transmisións levada a cabo no 2020. Tamén se aplicarán as bonificacións aprobadas no ano 2019 sobre o ICIO, o IAE e o IBI para fomentar a creación de postos de traballo e a implantación de empresas.

No caso dos servizos de abastecemento da auga, rede de sumidoiros e depuración, nos que existen obrigas contractuais con empresas, incrementaranse as tarifas en concordancia ao IPC, establecido entre setembro de 2024 e setembro de 2025, nun 3%.

No que se refire á recollida do lixo, aplicarase unha actualización do 85% do IPC, xa que así o establece o contrato coa concesionaria do servizo, pero este incremento non repercutirá no recibo dos cidadáns, xa que será asumido polo Concello para compensar o impacto provocado pola subida do canon aplicado por Sogama, que si repercute directamente nos cidadáns.

“Os monfortinos e as monfortinas pagarán en 2026 o mesmo que veñen tributando nos últimos anos, agás nos recibos da auga e saneamento, nos que, por estar suxeitos a un contrato, incrementaranse nun 3% aplicando a suba do IPC”, detalla o rexedor. “O resto das ordenanzas fiscais que dependen do Concello seguirán conxeladas, como veu ocorrendo desde o ano 2015, data na que chegamos ao Goberno municipal e tomei posesión como Alcalde”.

 

Recollida, tratamento e eliminación de lixo

Neste caso, mantéñense as contías aplicadas o pasado mes de abril cando a Sociedade Galega do Medio Ambiente, Sogama, subiu considerablemente a taxa de tratamento do lixo. Este incremento que afecta directamente aos cidadáns ten a súa orixe na Directiva Europea 2018/850 de 30 de maio de 2018, que grava a incineración e o depósito en vertedoiro por ser as formas medioambientalmente menos recomendables para a xestión de residuos, e que son as formas preferentes de Sogama. Esta mala xestión, explica o Alcalde, “obrigou a Sogama a subir o canon e repercutilo no recibo que abona o cidadán”.

Co fin de minorizar o impacto deste incremento nos petos dos veciños e veciñas de Monforte, o Equipo de Goberno aprobou no pleno do pasado abril a Ordenanza Fiscal 2.3 reguladora da taxa pola prestación do servizo de xestión de residuos municipais, na que se aplica esta subida do canon de Sogama de forma gradual de forma que permita cubrir o coste total do servizo reducindo o impacto nos cidadáns. Estímase un período aproximado de 20 anos para equilibrar estes custes sen xerar unha presión fiscal excesiva. O Alcalde xa explicara nese momento que “estes aumentos serán pequenos, concretamente un 5% da tarifa, o que suporá un incremento de aproximadamente un euro cada dous meses no recibo e a partir de 2026, co obxectivo de minimizar o impacto nos nosos cidadáns”. 

Deste xeito, a cota tributaria no recibo do lixo consistirá nunha cantidade variable que se modificará anualmente atendendo ao número de toneladas xeradas no exercicio anterior, distribuídas bimensualmente en dous conceptos: Sogama e Coste do Lixo, e que se esixirá por unidade de inmoble, en función da súa natureza. 

No caso das vivendas da zona urbana, o recibo será de 19,05 euros, dos que 10,11 corresponden a variable de Sogama, e 8,94 á do Coste do lixo. Na zona rural o recibo mantense en 9,54 euros, dos que 5,07 son de SOGAMA e 4,48 Coste do Lixo.

As tarifas aplicadas ás empresas variarán en función da actividade e o tamaño das mesas.

 

Calendario fiscal

No referente á Ordenanza Fiscal Xeral dos Ingresos Municipais, modifícase o calendario fiscal para adecualo ás datas laborais do vindeiro ano 2026.

-Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica: do 10-04-2026 ata o 10-06-2026.

-Imposto de Bens Inmobles: do 05-08-2026 ata o 05-10-2026. Neste caso, os recibos superiores aos 100€ fraccionaranse en dous cargos: o primeiro, polo 60% do importe, farase o 5 de agosto de 2026, e o segundo, polo 40% restante, o 7 de decembro de 2026.

-Imposto sobre Actividades Económicas: do 18-08-2026 ata o 20-10-2026.

 

Os recibos dos servizos da auga e a recollida do lixo pasaranse bimestralmente.