Monforte de Lemos, 20 de outubro de 2025. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo publica hoxe o extracto das bases reguladoras da convocatoria de concesión de bolsas a deportistas individuais de Monforte na tempada 2024-2025. Unha vez publicado o anuncio, o prazo para presentar as solicitudes ábrese ao día seguinte, polo que as persoas interesadas poderán entregar as súas instancias no Rexistro municipal desde mañá martes, 21 de outubro. O prazo é de 10 días hábiles polo que estará aberto ata o día 3 de novembro.
Estas axudas económicas están dirixidas a aqueles deportistas individuais que, como mínimo, teñan participado no campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva durante o período obxecto da presente convocatoria. Concretamente, as persoas solicitantes poderán presentar, no marco desta convocatoria, os méritos deportivos conseguidos entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.
Terán a consideración de deporte de carácter individual todos aqueles deportes que, segundo a súa regulamentación, son practicados de xeito individual. Así, non se considerarán participacións individuais os relevos nin as probas coordinadas ou sincronizadas nas que actúe simultaneamente máis dun integrante do mesmo equipo.
A partida destinada a esta convocatoria é de 10.000 euros e o importe máximo da bolsa que se outorgará a cada un dos posibles beneficiarios é de 600 euros. Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca, pon en valor estas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega”.
Requisitos
Poden beneficiarse desta convocatoria os deportistas que cumpran os seguintes requisitos:
- Estar empadroados/as no Concello de Monforte de Lemos dentro do prazo de presentación de solicitudes e, como mínimo, dende o 1 de outubro de 2024.
- Estar federados nalgunha das federacións deportivas galegas ou españolas no período para o que se solicita a axuda, é dicir, entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, e que como mínimo participaran no campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva.
- Ter participado, como mínimo, en tres probas ou campionatos de carácter oficial, dos cales un deles ten que ser o campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva.
- Estar ó corrente nas obrigas tributarias coa Facenda estatal e autonómica, así como estar ó corrente das obrigas coa Seguridade Social e co Concello de Monforte.
- Que non estean incursos/as en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e non estar incursos/as nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.
Á hora de realizar a valoración teranse en conta os tres mellores resultados conseguidos en competicións oficiais segundo a táboa de valoración establecida, así como a convocatoria no período pola selección galega ou estatal. Enténdese por competicións oficiais as consideradas como tal pola Federación Deportiva correspondente ou pola Administración deportiva dentro do seu ámbito de competencias.
Anexo 2 Declaración Xurada 2024-2025
Anexo 3 Certificado Federativo 2024-2025