O Concello participa na conmemoración do Día Mundial contra o Cancro de Mama

Monforte de Lemos, 20 de outubro de 2025. Membros do Equipo de Goberno do Concello participaron durante a mañá deste luns nos actos organizados pola Asociación Española Contra o Cancro, AECC, para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama que se desenvolveron na rúa Cardeal de Monforte, baixo o lema “Nos lo tomamos a pecho”. Os concelleiros de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada; Consumo, Regina López; Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, e Muller e Igualdade, Margarita López, acudiron á cita e participaron no acto floral e lectura do manifesto, ás 12.00 horas, a cargo da delegada da AECC en Monforte, Marisa Sobrino López.

Durante toda a mañá, representantes e colaboradores da AECC ofreceron información sobre a actividade da Asociación e animaron á cidadanía a adquirir unha planta para colaborar coa AECC na loita contra esta enfermidade. As plantas foron doadas por floristerías da cidade que se sumaron a esta campaña.

O Día Mundial contra o Cancro de Mama conmemórase todos os anos o 19 de outubro, e sirve para sensibilizar, concienciar, coñecer e darlle visibilidade a esta enfermidade. A través do manifesto, a Asociación incide na necesidade de “tomarse a peito” unha patoloxía que “cambia a vida e marca un punto e aparte” na vida das mulleres que reciben este diagnóstico: 276 na provincia de Lugo no 2024, 52 delas menores de 50 anos.

A través da campaña “Nos lo tomamos a pecho”, a entidade quere falar sen eufemismos nin metáforas do cancro de mama e “priorizar as emocións e a realidade das persoas que conviven con cancro, escoitándoas para atender e responder ás súas necesidades”. Este apoio e acompañamento, recolle o manifesto, “é imprescindible para que, no camiño de facer frente á enfermidade, elas conten sempre coa nosa axuda”.

O Concello colabora estreitamente coa Asociación Española contra o Cancro en Monforte, coa cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a pacientes e familiares relacionados con esta enfermidade. Tamén participa na organización da Carreira contra o Cancro, cuxa última edición celebrouse o pasado mes de setembro.