O Concello colabora na organización das Xornadas Lactouras que se celebran desde este xoves 23 ao sábado 25 en Monforte

Monforte de Lemos, 21 de outubro de 2025. O Concello de Monforte colabora un ano máis coa Asociación Micolóxica Lactouros, na organización das Xornadas Lactouras, que se celebrarán en tres xornadas desde este xoves 23 de outubro ao sábado 25.

A tenente de Alcalde, Gloria Prada, en compañía do concelleiro e membro da asociación, Manuel Luaces, foi a encargada de presentar o cartel dos diversos actos organizados.

O programa inclúe degustación, unha charla e unha saída ao monte:

Arranca o xoves 23 de outubro cunha exhibición gastronómica e degustación a cargo do cociñeiro Marcos López. Será na Gastrotasca da Rúa Rosalía de Castro, 24, e é necesario inscribirse previamente no teléfono 671 473 982, xa que o aforo é de 25 persoas. O prezo desta actividade é de 5 euros para socios, e 10 euros para os non socios, con opción de maridaxe por 5 euros máis.

As Xornadas continúan o venres 24 coa charla titulada “Fungos medicinais: tradición e saberes populares en Galicia” e impartida por María Cabaleiro, doutora en Bioloxía e Especialista en Etnomicoloxía (Mycogalicia Plantae) pola Universidade de Vigo. Terá lugar no Centro do Viño da Ribeira Sacra e, neste caso, non será necesaria a inscrición. A participación é gratuíta.

O sábado 25 de outubro celebrarase unha saída ao monte para a identificación de cogomelos, seguida dun xantar no Restaurante Abadía San Simón, cun menú especial baseado en cogomelos de tempada. O punto de encontro para a saída é ás 10.00 horas nas Casitas da Compañía. O xantar será ás 14.30h e para comer é preciso inscribirse no 671 473 982. O prezo do xantar é de 25 euros para socios e 35 para os non socios.

Durante as xornadas, contarase cunha exposición de cogomelos onde os membros da asociación clasificarán e exhibirán as especies colleitadas, mostrando a diversidade fúnxica da rexión.

 

Labor divulgativa

Ademais destas actividades abertas ao público, como cada ano, a Asociación Micolóxica Lactouros levará a cabo tamén accións de divulgación en colexios e IES de Monforte. Estas xornadas incluirán unha pequena introdución ao mundo micolóxico e unha saída ao monte guiada polo experto e membro da directiva, Carlos Pérez.

Tal e como explican desde a Asociación, o obxectivo é que os máis cativos entendan o monte como unha fonte de saúde, coñecemento e benestar, e aprendan a valorar e respectar estes saberes tradicionais.

O colectivo Lactouros agradece ao Concello de Monforte o seu apoio, que fai posible desenvolver esta actividade fundamental para transmitir ás novas xeracións o amor pola natureza e a cultura micolóxica.