Monforte de Lemos, 22 de outubro de 2025. O teatro regresa mañá xoves ao Edificio Multiusos de Monforte dentro da programación que fai a Concellería de Cultura, Ensino e Xuventude do Concello de Monforte de Lemos, dentro das actividades da Rede Galega de Teatro e Auditorios. O ciclo para este último trimestre do ano inclúe un total de cinco espectáculos entre outubro e decembro e arrancou o pasado xoves 9 coa obra “Guerra”, da compañía Teatro do Noroeste.
A cita deste xoves corresponde ao grupo Fulano, Mengano e Citano, que presenta o espectáculo “O que hai que ver!”, unha obra escrita por Manuel Pombal, Manuel Botana e Suso Pando, e dirixida por Manuel Pombal. O elenco artístico está formado por Marcos Alonso, Suso Pando e Manuel Pombal.
“O que hai que ver!” pon en escena unha serie de historias nas que o espectador síntese protagonista e participe directo. Todo contado cun humor rebordante que fai que o público saia do teatro satisfeito, feliz e con ganas de volver.
O Alcalde, José Tomé Roca, “anima ós monfortinos e monfortinas a acudir ó Multiusos e participar destas actividades, dentro da aposta decidida que este goberno fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego”.
Próximas citas
O ciclo continuará o xoves 6 de novembro, con “Un deus salvaxe”, da compañía Talía Teatro.
Tamén en novembro, o xoves 27, a compañía Antagonista Teatro representa “Insubmisa”.
Pecha o ciclo o 4 de decembro a peza “Helen Keller, a muller marabilla?”, do Grupo Chévere.
Todas as funcións terán lugar no Edificio Multiusos, ás 20.15 horas. O prezo das entradas é de 5€ na tarifa xeral, e de 3€ no caso de estudantes, desempregados e xubilados.