O Equipo de Goberno participa na primeira mesa de traballo para confeccionar a Axenda 2030

Monforte de Lemos, 22 de outubro de 2025. O Equipo de Goberno participou hoxe nunha reunión de traballo cun representante da empresa Serviguide, encargada de redactar o pland e acción municipal aliñado coa Axenda 2030. A mesa estivo presidida pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, que amosou o “firme compromiso” do Alcalde e do Grupo de Goberno municipal co “desenvolvemento sostible, a loita contra o cambio climático, a igualdade, a inclusión social e a xustiza interxeracional”.

Nesta primeira mesa de traballo, na que se trazou a folla de ruta para a confección da A2030, participaron, ademais da Tenente de Alcalde, os Concelleiros e Concelleiras de Sanidade, Drogodependencias, Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa; de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; Deportes, José Manuel Mougán; Consumo, Regina López; Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, e Muller e Igualdade, Margarita López. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, destacou a “oportunidade única” que ofrece este plan “para converternos nunha cidade máis sostible, eficiente e cohesionada socialmente”.

Desenvolver este plan de acción municipal permitirá ao Concello de Monforte aliñar a súas políticas públicas cos principios do desenvolvemento sostible, mellorar a planificación estratéxica, fortalecer a participación cidadá e acceder a oportunidades de financiación rexional, estatal e europea.

O punto de partida na elaboración deste plan municipal é facer un diagnóstico previo que permita identificar accións planificadas polo goberno local que xa estean aliñadas cos ODS, coñecer o seu grado de desenvolvemento no ámbito local e establecer áreas prioritarias de intervención.

Partindo deste análise previo, o Concello de Monforte elaborará un plan de acción local integrando eixos estratéxicos, metas municipais e mecanismos de seguimento e avaliación aliñados cos ODS.

Por último, levarase a cabo unha campaña de difusión e sensibilización que terá como destinatarios tanto o persoal técnico do Concello como o alumnado de Secundaria dos centros educativos de Monforte, co fin de dar a coñecer a Axenda 2030 e a súa importancia.

 

Axenda 2030 e ODS

A A2030 foi proposta pola ONU coa finalidade de abordar conxuntamente as principais problemáticas que afectan ao planeta hoxe en día, xa sexan de carácter social (fame ou desigualdades entre poboacións), medioambiental (cambio climático ou sobreexplotación dos recursos naturais) ou económico (pobreza).

A resolución distingue 5 eixos fundamentais en torno aos que pivota a folla de ruta a seguir: as persoas, o planeta, a prosperidade, a paz e as alianzas. De forma simultánea, estes elementos distribúense en 17 obxectivos, que constitúen os denominados ODS, e que, a súa vez, desagréganse en 169 metas suxeitas a 232 indicadores para o seu seguimento e control.

Os 17 obxectivos propostos pola Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible son os seguintes:

ODS1. Fin da pobreza.

ODS 2. Fame cero.

ODS 3. Saúde e benestar.

ODS 4. Educación de calidade.

ODS 5. Igualdade de xénero

ODS 6. Auga limpa e saneamento.

ODS 7. Enerxía accesible e non contaminante.

ODS 8. Traballo decente e crecemento económico.

ODS 9. Industria, innovación e infraestrutura.

ODS 10. Redución das desigualdades.

ODS 11. Cidades e comunidades sostibles.

ODS 12. Produción e consumo responsables.

ODS 13. Acción polo clima.

ODS 14. Vida submarina.

ODS 15. Vida de ecosistemas terrestres.

ODS 16. Paz, xustiza e institucións sólidas.

ODS 17. Alianzas para acadar os obxectivos.