O Alcalde acompañou a escolares do Colexio Escolapios nunha visita á Casa do Concello

Monforte de Lemos, 29 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé, acompañou este mércores a un grupo de alumnos de 2º curso de Educación Primaria do Colexio Escolapios de Monforte nunha visita didáctica á Casa do Concello.

Os escolares tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións municipais e o Salón de Plenos, onde os recibiu o rexedor para explicarlles o funcionamento e composición do Concello como administración máis próxima aos cidadáns. Neste senso, o Alcalde referiuse tanto aos trámites administrativos que realiza o persoal funcionario como ao traballo dos órganos de representación e dos diferentes partidos políticos: “Aquí está representada a vontade dos monfortinos e as monfortinas”, indicou.

O alumnado tivo tamén a oportunidade de ocupar os escanos do Salón de Plenos e comprobar o funcionamento dos micrófonos e o control do tempo nas intervencións plenarias dos concelleiros e concelleiras que compoñen a Corporación Municipal. Os rapaces tiveron a opción de facer as súas preguntas e o Alcalde contestou a todas elas.

Seguidamente, os escolares realizaron unha visita guiada ás dependencias da Policía Local, onde os axentes amosáronlle as instalacións e o funcionamento do sistema de cámaras e os vehículos policiais.