Monforte de Lemos, 1 de novembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa dos “excelentes datos” de matrícula rexistrados na Aula Universitaria da UNED en Monforte de Lemos, que ven de acadar un récord histórico de participación superando por primeira vez as 100 inscricións no conxunto da súa oferta académica.
O rexedor, que tamén ostenta o cargo de presidente da Xunta Reitora da UNED de Lugo, manifestou a súa satisfacción por estes rexistros, que consolidan esta Aula de Monforte como un referente educativo no sur da provincia.
Concretamente, neste curso 2025-2026 matriculáronse en titulacións de grao un total de 92 alumnos e alumnas, “o dato máis alto desde que hai rexistros”, destaca José Tomé. Este incremento en graos, engade, “supón un crecemento do 28% respecto do curso pasado, no que se matricularon 72 estudantes, o que supón un pulo importante para esta Aula, integrada no Centro da UNED de Lugo”.
O centro da UNED que máis crece na provincia
No peche de matrícula, a Aula Universitaria de Monforte que coordina a docente Isabel Cachaldora, alcanzou as 92 matrículas activas so en titulacións de grao, ás que se suman as inscricións en micrograos, másteres e cursos de acceso para maiores de 25 e 45 anos. Neste cómputo, a matrícula global chega a 102 inscricións, un 20% máis ao pasar das 85 do curso anterior ás 102 actuais. O Alcalde celebra que a Aula de Monforte se converta así no “centro da UNED que máis crece na provincia en termos porcentuais”.
“Os datos falan por si mesmos e é evidente que esta Aula da UNED en Monforte vive o seu mellor momento. O incremento da matrícula, no só neste último curso, senón nos últimos anos, amosa a confianza do alumnado na UNED e a eficacia das accións de orientación, titoría e apoio que ven desenvolvendo este centro”, apunta o Alcalde.
Demanda e perfil do alumnado
No que se refire á demanda e ao perfil do alumnado, os graos con maior volume de matrícula nesta Aula Universitaria de Monforte son os de Educación Infantil, Psicoloxía, Dereito, Administración e Dirección de Empresas (ADE) e Turismo. En canto ao perfil, desde o centro destacan que se trata dun perfil “moi heteroxéneo”, que abrangue desde xoves procedentes da Proba de Acceso á Universidade (PAU) ou de Ciclos Formativos de Grao Superior (CFGS) que acceden por primeira vez a estudos universitarios a través desta modalidade ou alumnos que finalizaron estudos de grao na propia UNED e que deciden continuar a súa traxectoria académica cun novo grao, máster ou micrograo, a persoas de máis de 50 anos que queren ampliar a súa formación.
Neste senso, o Alcalde reitera que “o Concello vai seguir formando parte da familia da UNED, para acercar a universidade a aquelas persoas que non puideron estudiar no seu momento, ou que por diversas circunstancias non poden desprazarse, pero que se lles acercamos o servizo formativo, teñen interese en iniciar unha carreira”.
Así mesmo, recorda o compromiso do Concello de Monforte coa UNED “a través dunha aportación anual de 55.000 euros destinada ao mantemento da aula, á que hai que engadir os gastos das súas instalacións na Casa da Cultura, como electricidade, telecomunicacións e demais servizos”.
Servizos administrativos e oferta académica
Ademais de contar con servicios administrativos (información, realización de matrículas, asesoramento becas, certificacións, carnés de alumno, compulsas...), na Aula Universitaria de Monforte impártense titorías presenciais do Curso de Acceso para maiores de 25 y 45 anos, os graos de Psicoloxía, Educación Social e Educación Infantil e, a través de videoconferencia e online o resto de graos que oferta a UNED (previa petición do alumnado).