Monforte de Lemos, 5 de novembro de 2025. O Edificio Multiusos de Monforte acolle mañá xoves, ás 20.15 horas, unha nova xornada de teatro organizada polo Concello de Monforte dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Nesta ocasión, da man da compañía Talía Teatro, que pon en escena a obra “Un Deus Salvaxe”, escrita por Yasmina Reza e dirixida por Artur Trillo. O elenco artístico está composto por María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais.
Sinopse
Dous matrimonios, adultos e civilizados, atópanse para resolver un incidente protagonizado polos seus fillos pequenos: un deles partiulle dous dentes ao outro nunha pelexa no parque. Nada que uns pais civilizados non poidan resolver.
Con este sinxelo argumento, Yasmina Reza compón unha sátira da sociedade contemporánea e disecciona, con moito sentido do humor, as relacións de parella, a educación, a competitividade... pero, sobre todo, o exceso de corrección política.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de 5 euros e 3 para desempregados, xubilados e estudantes.
Programa teatral do último trimestre
Esta proposta cultural forma parte da programación de teatro organizada polo Concello para o último trimestre de 2025 no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como dos Circuítos de Teatro Afeccionado e Profesional da Deputación Provincial de Lugo.
As citas nas vindeiras semanas son as seguintes:
Sábado 8 de novembro, 20.00 h / Casa da Cultura
Argalleiras Teatro presenta “As cousas que importan”
Asociación Cultural Teatreiras / Concello de Monforte
Entrada gratuíta – Todos os públicos
Xoves 27 de novembro, 20.15 h / Edificio Multiusos
“Insubmisa”, da compañía Antagonista Teatro
Rede de Teatros e Auditorios / Concello de Monforte
Entrada 5€ / Estudantes, desempregados e xubilados 3 € – Público adulto
Xoves 4 de decembro, 20:15 h / Edificio Multiusos
“Helen Keller, a muller maravilla?”, de Chévere Teatro
Rede de Teatros e Auditorios / Concello de Monforte
Entrada 5€ / Estudantes, desempregados e xubilados 3 € – Público adulto
Xoves 11 de decembro, 20.30 h / Edificio Multiusos
“María Visitación Consolación Amadora”, do grupo Loia Producións
Circuíto Teatro Profesional / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte
Entrada gratuíta – Público a partir de 15 anos
Sábado 20 de decembro, 20.00 h / Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro
“O boleto”, do Grupo de Teatro Viraventos, de Monforte
Circuíto Teatro Afeccionado / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte
Entrada gratuíta – Todos os públicos