Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2025. A aula informatizada cedida polo Concello de Monforte de Lemos á Dirección Provincial de Tráfico para a realización das probas teóricas para a obtención dos permisos de conducir acolleu este luns as primeiras sesións do exame en formato telemático celebradas na zona sur de Lugo. A instalación atópase no Edificio Multiusos e está equipada con 20 ordenadores de pantalla táctil para os aspirantes e 1 ordenador central para o examinador ou persoa encargada de xestionar a proba.
Na súa primeira xornada como nova sede para a realización dos exames teóricos, a aula acolleu tres sesións de probas ás 9.00, 10.00 e 11.00 horas, que se desenvolveron con total normalidade e satisfacción tanto por parte dos aspirantes como do persoal examinador e coordinador da Dirección Provincial de Tráfico.
A posta en marcha desta aula informatizada é froito dun convenio de colaboración asinado o pasado 15 de outubro entre o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Xefe Provincial de Tráfico de Lugo, Alberto Rodríguez Fernández, para dar resposta a unha demanda das autoescolas locais que, tal e como explicaba o rexedor, “levaban un tempo trasladando a necesidade dunha aula informatizada para desenvolver estas probas e evitar que os aspirantes acabaran tendo que desprazarse a Lugo, co prexuízo que iso conlevaría”.
Monforte convértese así no primeiro Concello da provincia de Lugo que dota un local con este equipamento, xa que actualmente só as instalacións da propia Xefatura Provincial de Tráfico en Lugo contan cun espazo informatizado.
A nova aula do Edificio Multiusos, xa en marcha, dá cobertura a todas as autoescolas da zona sur da provincia de Lugo. A previsión é realizar un mínimo de 2 xornadas de exames ao mes e, entre outras vantaxes, os aspirantes obteñen os resultados en tan só dúas horas.
Equipamento
O equipamento específico da aula consta de 20 ordenadores para os aspirantes con pantallas táctiles ‘todo-en-un’ que serán de uso exclusivo da Dirección Xeral de Tráfico, e 1 ordenador central para o examinador ou persoa encargada de xestionar a proba teórica, ver os resultados e supervisar que todo funciona correctamente.
O Concello de Monforte investiu nesta dotación un total de 22.000€ que inclúen a adquisición e montaxe de equipos informáticos e todo o mobiliario necesario para a realización dos exames. En detalle, 15.000 euros corresponden ao gasto en ordenadores, 5.500 a mobiliario e 1.500 euros a montaxe.
A isto hai que sumarlle o aporte das propias instalacións do Edificio Multiusos no que se ubica a aula, que proporciona unha mellora moi importante en canto a confortabilidade tanto para os examinadores como para as autoescolas e aspirantes, xa que teñen a súa disposición unhas instalacións accesibles para persoas con mobilidade reducida, climatizadas, con aseos tamén adaptados, limpeza e todas as comodidades.
Coa cesión deste espazo e a súa posta en funcionamento, destaca o Alcalde, “o Concello de Monforte convértese no primeiro da provincia de Lugo en poñer a disposición da Xefatura Provincial unha aula informatizada destas características e damos o paso definitivo para informatizar as probas teóricas e poñer en marcha en Monforte un modelo de exame que garante a calidade e seguridade xurídica de todo o proceso”.