O Alcalde presenta a nova reparcelación da Zona C que modifica o procedemento administrativo pero non o fondo: “A urbanización está executada e o resultado á vista de todos”

Monforte de Lemos, 19 de novembro de 2025.  O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou este mércores ante os medios de comunicación os novos proxectos de reparcelación da Zona C, adaptados a tres resolucións xudiciais que indican a necesidade de dividir a área de reparto en dous polígonos independentes, incorporar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil como titular dos terreos que forman parte do Dominio Público Hidráulico do río Cabe e deixar fora da aliñación a traseira dun edificio da rúa Ourense. O rexedor explicou que estas modificacións afectan ao procedemento administrativo da reparcelación, pero non ao fondo do proxecto, de xeito que a urbanización, xa executada, mantense tal e como está.

Os novos proxectos de reparcelación da Zona C Polígonos 1 e 2 foron aprobados inicialmente en Xunta de Goberno Local o pasado luns, 17 de novembro, e mañá, xoves 20, publicarase o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, BOP. Con este trámite, ábrese o período de información pública durante o cal, os afectados terán a ocasión de presentar alegacións, se así o consideran. Ademais, todos os propietarios e interesados recibirán notificación individual deste novo proceso, do que tamén se lle dará traslado, na mesma data, á Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A exposición pública do proxecto estenderase ata o 22 de decembro de 2025. O rexedor detallou que, de non formularse alegacións no período establecido, “a aprobación do proxecto será elevada a definitiva”. No caso de formularse alegacións, “serán resoltas como corresponda”.

Este novo proxecto de reparcelación recolle as determinacións indicadas en tres sentenzas. Por un lado, a comunicación e informe do propio proxecto á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, como titular do Dominio Público Hidráulico do río Cabe, integrado no ámbito de actuación da Zona C. Este informe, detallou o Alcalde, “non se requeriu no ano 2000, cando se aprobou a modificación puntual da Zona C, pero agora é preceptivo”.

Outra das novidades é que a nova reparcelación estrutúrase agora en dous polígonos independentes:  o Polígono 1, que ocupa o triángulo suroeste da área de reparto, e o Polígono 2, que é o de maior superficie, dividido pola rúa Teceláns.

Por último, faise unha nova aliñación deixando fora a traseira dun edificio da rúa Ourense que non pertence a esta área de reparto.

Con todo, o Alcalde explicou que esta nova tramitación non cambia o fondo do proxecto, que “consiste en distribuír xustamente as cargas e beneficios da ordenación urbanística dando cumprimento á lei urbanística, ás normas subsidiarias de planeamento de Monforte e ás citadas sentenzas”.

 

Antecedentes

Na rolda de prensa, Tomé Roca lembrou que o ordenamento urbanístico de Monforte modificouse no ano 2000 para desenvolver este espazo, non obstante, a Zona C estivo completamente parada todos estes anos: “Era unha bolsa de maleza con edificacións abandonadas e mesmo ruinosas en pleno centro da cidade. Falamos dunha zona moi sensible, entre a rúa Rof Codina e Cobas, a carón do río Cabe e xusto enfronte do Convento de Nosa Señora da Antiga, o coñecido como Colexio dos Escolapios”.

Foi este Equipo de Goberno, engadiu, “o que tramitou a reparcelación en 2020, dúas décadas despois, e executou a urbanización e dotación de servizos neste amplo espazo no corazón da nosa cidade; o resultado está a vista de todos”, precisou.

Polígono 1 (Baixo +3)

Ten unha superficie de 3.661 m2, co seguinte reparto superficial: 3.262 m2 aportados por propietarios titulares do solo e 399 m2 de viais públicos. A titularidade destes terreos corresponde a dous propietarios: titular de finca privada e Dominio Público Hidráulico (CHMS).

No que se refire ás superficies edificables (baixo +3), son un total de 2.568 m2 edificables repartidos do seguinte xeito: 468 m2 de uso comercial en planta baixa, e 2.100 m2 de uso residencial en plantas altas.

A adxudicación de parcelas é a seguinte:

-3 fincas de resultado non dotacional:

-Unha delas (R.01) é para o propietario privado

-A segunda (RCE-10) é para o segundo titular (Confederación Hidrográfica), máis o Concello, que recibe o 10% de aproveitamento deste polígono, conforme á Lei do Solo.

-A terceira finca é para Dominio Público Hidráulico que non é obxecto de adxudicación a ninguén, xa que se conserva en poder da CHMS.

-Ademais, hai dúas fincas resultado do proxecto de reparcelación que son dotación pública, é dicir, zonas verdes (ZV01 e ZV02).

 

No caso do Polígono 1, os gastos de urbanización ascenden a 238.529,22 euros, impostos incluídos, que corresponden ao importe das obras xa realizadas, e polo tanto, custe real (175.525,16 euros) e ao proxecto de urbanización, dirección de obra e xestión de cesións e indemnizacións por bens non conservables (63.004,06 euros).

 

 

Polígono 2 (Baixo +3)

A superficie total é de 17.288 m2, repartidos en 15.679 m2 aportados por propietarios privados e Confederación Hidrográfica, e 1.609 m2 de viais públicos. Neste caso hai 11 propietarios, 10 de fincas privadas e 1 de Dominio Público Hidráulico.

As superficies edificables suman un total de 19.662 m2, dos cales 4.276 m2 son de uso comercial en planta baixa e 15.386 m2 de uso residencial en plantas altas.

A adxudicación das parcelas é a seguinte:

-17 fincas de resultado non dotacional

-11 fincas son para propietarios do solo

-1 delas (RCO) é para o déficit de aproveitamento do Polígono 1

-2 delas son para o titular do Dominio Público Hidráulico (Confederación)

-3 fincas son para o Concello pola cesión do 10% do aproveitamento

-Ademais hai 7 fincas de resultado que son dotación pública zonas verdes

Neste caso, os gastos de urbanización ascenden a un total de 938.173 euros, dos cales, 839.161 corresponden ao importe das obras xa realizadas, e 99.012 euros á indemnización de bens non conservabales (edificios, árbores...), indemnización por extinción e arrendamento, redacción de proxectos, dirección de obra e xestións de cesións.

 

O Alcalde cifrou o custe medio da urbanización dos dous polígonos en 56,03 euros o m2 edificable. A modo de exemplo, concluíu, “dicir que para unha superficie de vivenda ou de baixo comercial tipo de 100 m2 o custe imputable ao solar sería de 5.603 euros”.